«O meu traballo non é para as listas de éxitos»

Ana Cabanas

SANTIAGO

O segundo disco do cantautor compostelán pretende amosar crónicas urbanas con temáticas variadas

14 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Xosé Constenla naceu en Santiago hai 28 anos. El mesmo se define como un autor de café que pertence a xeración que se formou nos bares da cidade. Pouco a pouco a súa música foi medrando e agora presenta o seu segundo disco, Olladas dun entusiasta. Este novo traballo supón unha produción do propio cantautor en colaboración con Ramón Feáns para o selo de Setestrelo Editora.

-¿Que pode atopar o público neste traballo?

-O obxectivo das miñas cancións é contar historias propias e interesantes partindo en toda elas desde unha postura entusiasta. De esta forma o público pode atopar un temática moi variada.

-¿Que temas toca?

-O amor, o desamor, os conflitos sociais, crónicas urbanas... A universidade marcou un antes e un despois. A partir do ano 2000 participei en moitas loitas estudantís, como a LOU, o Prestige e o Non a guerra. Foi aquí cando tomei conciencia de facer música e así xurdiu o meu primeiro disco, Quen fixo berrar ao silencio. Neste segundo traballo seguen estando presentes as crónicas sociais como por exemplo o conflito palestino.

-A música é...

-Eu son dos músicos que opina que a música é unha terapia. É unha forma de sentirnos menos sos e máis acompañados. Intento amosar unha cercanía coa xente coa que me rodeo.

-¿Foi moi complicado producir o disco no panorama musical no que nos atopamos?

-Non foi doado, pero hai que dicir que Galicia está nunha das súas mellores épocas en canto a produción. O complicado é manterse no mercado. O meu traballo non é unha fórmula para estar nas lista de éxito, senón que é un traballo máis honesto, máis artesanal.

-¿Os canons son unha barreira para os músicos que están empezando como vostede?

-O meu disco non ten copyright senón que ten un copyleft, é dicir, que se pode reproducir en calquera local sen ter que pagar un canon específico. Non son socio da SGAE, que é de carácter privado. É moi interesante para os novos músicos esta alternativa sobre dereitos de autor.

-¿Cómo está o panorama para a canción de autor?

-En Galicia non estamos a gozar dun gran espallamento, é curioso porque a nivel nacional este xénero está nun bo momento. Eu reivindico que a palabra, a principal protagonista da música de autor, teña un espazo reservado no panorama galego.

-¿Con que colaboracións conta no disco?

-A colaboración máis destacable é a de Javier Bergia, un habitual colaborador de Ismael Serrano e autor de 10 discos propios. Tiven a oportunidade de facer varios concertos con el por toda Galicia. Tiven o privilexio de que cantase en galego unha das miñas cancións.

-¿Ten previsto algún concerto na cidade?

-Maña estarei no Tarasca acompañado por Roberto Sobrado e O Leo i Arremcaghona con motivo da celebración da Letras Galegas. A presentación oficial deste último disco terá lugar no pub Ultramarinos, nas Casas Reais, o xoves 22 a las 21.00 horas. Será un concerto moi acústico e moi directo o público. A idea é que a xente se acerque, tome un café e goce cos novos temas. No mes de xullo está programado un concerto con banda nun dos teatros composteláns, pero aínda non está fixada a data.