Brancos melódicos

La Voz

SANTIAGO

03 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O que os grupos brancos lle fan ao funky é, máis ou menos, o que The Beatles fixeron coa Motown. Unha interpretación na que se pretende conservar a enerxía sen renunciar a esa historia de que os brancos somos melódicos e non sabemos metela.

Tamén é verdade que hai días que algo de enerxía despreocupada está ben contra algúns excesos melifluos e por iso non hai que desdeñar que a xente se poña un pouco intensa aínda que sexa a contracorrente do que manda o determinismo xenético.

A noite da Nasa propón un concerto máis enerxético que as bebidas que dan alas reunindo a tres grupos, Moon Cresta, Loretta Martin e The Sweat, todos funkys de por aquí, todos galegos, todos decididos a que haxa algo de suor no rock.

Se alguén ten no punto de mira os brancos melódicos igual este é o momento para disparar figuradamente como moitos farían contra Yoko Ono e a súa manía de aparecer en todas as fotos de John Lennon.

Como aquí do que se trata é de buscarlle as voltas ás cousas pero non pasar a noite preguntándose por que ninguén lle preguntou a Adorno se había rock despois de Auschwitz, isto é un concerto para menearse e se Loretta Martin parecía unha muller pero, en realidade, era un home é só un problema de McCartney coas súas amizades.