As lecturas libérrimas

La Voz

SANTIAGO

Un vello dito pragmático e irritante aseguraba que á universidade íase aprender. A explicación levaba implícito que na universidade non se aprendía e alguén quería corrixir eses rumbos pedagóxicos perdidos.

O teatro universitario compensou en Galicia as carencias de formación de quen quería pasar pola escena e ter un horizonte profesional. Por esta banda, a universidade cumpriu cos requisitos esixidos polo pragmático. Pero tamén sucedeu desque o teatro profesional galego é adulto, maduro, estruturado e responsable, que os espectadores deixaron que o teatro universitario quedase campus adentro e perdera algo da relevancia que tiña. Claro, claro, non é profesional pero máis que unha chata os espectadores deberían asumilo como unha circunstancia. Os profesionais están aí para ser esixidos, os universitarios están aí, como os afeizoados, para ser animados. Como unha cousa non quita a outra, quizais un suspenso de vez en cando tampouco rompa nada alleo ás novas pedagoxías.

Unhas vantaxes do Festival Internacional de Teatro Universitario son os límites distantes que marca o programa. De Lorca a Calderón, por exemplo. Pero esa distancia aínda non é nada se logo alguén vai montaxe por montaxe e mira como son as lecturas inquietas das compañías. Hai unha liberdade lectora que, ademais de prescindir dos decorados, deixa atrás as lecturas convencionais ou asumidas.