Un lugar sen mapas

La Voz

SANTIAGO

27 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Un dos mellores achádegos do teatro do século XX son os espazos indefinidos. Ese territorio que utilizou Beckett como centro de ningures e no que, en moitos sentidos, transcorre unha boa parte das cousas que suceden nas sociedades occidentais. Sen límites, sen precisar, ficcional e mesmo algo fantasmal. Un lugar sen mapas.

A segunda produción do Centro Coreográfico Galego aproveita algo dese rebufo da indefinición para poñer en movemento un lugar que alude a este tempo de madrugada no que todo o mundo di ser outra cousa do que é. No que todos queren ser outra cousa do que son. En certa sintonía con ese descontinuo a montaxe tamén xoga a ser outra cousa, a desacostumarse dos xéneros e a tentar manter vivas as dúas augas: a danza e a dos concertos. Hai momentos do kiosco no que non se distingue se é un concerto de Mercedes Peón cun ballet numeroso ou é unha compañía de danza cun acompañamento de luxo. Mesmo a terceira vía inclúe un pouco de teatro para que non falten palabras e interpretación cómica. Pode non ser relevante, como a situación nos territorios indefinidos. ?Basta con que a xente disfrute. Que non quede claro o xénero, se actuamos a beneficio de inventario, pasará a forma parte dunha indefinición que, lonxe da vontade descritiva, quere demostrar capacidade estética.