Non é por non insistir, pero seguramente un dos problemas do teatro alternativo é a súa etiqueta. É esa denominación feita dependente doutra cousa que, seguramente, é peor. Un acaba por morrer do que vive e facer teatro alternativo define un territorio. Ese é o seu, pero saír del sen cambiar tamén será difícil.
Para o resto, alternativo en teatro quere dicir mellor axeitado a estes tempos. É unha etiqueta que vai sendo interpretada como un xénero e, por algún motivo sociolóxico, os xéneros acaban por ser interpretados sempre como asunto de minorías. Igual é pola maneira en que a dereita leva imposto a interpretación do mundo.
Zona Alternativa é unha oportunidade. Porque unha das cousa bonitas do alternativo é disentir e ser incluso alternativo do alternativo. É unha oportunidade porque os tempos seguen cambiando e cada vez que cambian hai que reinventar, como pouco, o xeito de explicalos. En conxunto trátase diso, de explicar as cousas desde agora mesmo da mesma forma que Esquilo, seguro, explicounas desde o seu tempo. Nós calculamos que Esquilo non foi alternativo porque non sabemos cal era entón a corrente principal. Pero seguro que tivo que romper algunhas inercias e este cometido si que é para os alternativos ata o día que deixan de selo: romper as inercias que dan as cousas por feitas e completas. Que todo é teatro, pero o teatro cando é variado é moito mellor.