Hai crises dos corenta que tardan moito en chegar

La Voz

SANTIAGO

Hai adolescencias que non se curan nunca e hai crises dos corenta que tardan moito en chegar. O mesmo son síntomas dun mesmo mal que non coñecemos de todo porque a psicoloxía vienesa non conseguiu establecerlle un perfil. O cine é un invento axeitado para todo e mesmo alguén dixo unha vez que ir ao cine era non ter acabado de madurar.

A madurez é un concepto difuso. A fruta madurece cando cae da árbore, as especies animais maduran cando conseguen ser funcionais para abastecerse por si propias, pero a especie animal humana ten esa posibilidade de ter capacidades técnicas para abastecerse e sen embargo non ten madurez. Ou pode suceder como en O outro , que alguén que ten unha vida estable, e máis ben pequenoburguesa, encontra un motivo para ver de darlle a volta. Historias así, de inmadurez ou de madurez definitiva, enchen novela e gastan película porque occidente non perdeu o vicio de mirarse ao embigo mentres o resto do mundo morre.

Vidas diferentes

Claro que hai outros mundo e claro que están todos neste. Debe ser nesa altura, cando miras que hai xente que vive de maneira radicalmente diferente á nosa, cando percibes que a realidade é unha ficción construída con elementos reais. Luz silenciosa escolleu o mundo dunha comunidade Amish e, mirado desde o confort de Compostela, non parece que haxa algo que poida estar tan distante. Para que logo digan que a cultura non pesa sobre a xente.

Ese é outro mundo e non fai falta aludir aos tópicos sobre o illamento, sobre a negación da modernidade nin tampouco lembrar como todo aquilo daba igual se o estranxeiro era Harrison Ford en Único testigo . A ficción e a etnografía enganan por igual en cuestións de crenzas porque cada quen pensa que as crenzas dos demais son exóticas e as propias universais. Ata os ateos.

Pero tamén hai quen vive no seu propio mundo, construído con algún tipo de mobles a medida e de uso particular. O paraíso de Hafner demostra ata que punto a memoria persoal é diferente da memoria histórica. Ben podería ser que, como pouco, a historia deste home que pertenceu as SS e que fixo traballo suxo, fose unha das máis cínicas do festival. Estivo alí pero non se sinte culpable. Estivo alí e agora vive confortablemente en España e quizais pase por respectable entre o seu círculo inmediato de veciños. Probablemente o mesmo grupo de veciños que pensaría que Jess Franco practicou en exceso a depravación cando o único que fixo foi rodar películas porno.

Este home, Hafner, está instalado e quizais pareza feo pedirlle contas desde aquí, que aínda temos contas pendentes polas cunetas. Pero ninguén pediría vinganza. Só pedirían xustiza. Pero algo disto tamén debe ser cousa nosa que facemos leis imperfectas pero logo nos sometemos a elas como se fosen perfectas. É un paradoxo cultural desta especie tan singular e que, tantas veces, intenta dar o pego co adxectivo civilizada.

Pero os datos case sempre din outras cousas e hai xente que sigue animalmente tranquila despois de traballar nun campo de exterminio. O cine tamén vale para iso, dar conta, aínda que como substitutivo da xustiza ten os mesmos defectos que a literatura: demasiadas palabras e pouca acción.