O resto é industria

La Voz

SANTIAGO

28 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O asunto está en Iberoamérica. Se o cine ten futuro, seguro que está alí. Como non teñen outra cousa buscan historias e ao final, o cine é contar historias. O resto é industria.

Por citar exemplos esta historia do Baño do papa quizá lembre en algo a aqueles anos nos que o cine español tiña directores pero non industria, os anos da picaresca e da censura. Seguro que non é tan exquisito como Greenaway pero a historia avanza máis a présa.

Outra historia austral é XXY. Non sei canta xente estaría a favor de ser hermafrodita porque tampouco sei canta xente sabe en qué consiste tal circunstancia. Pero se explicamos que ser hermafrodita é ter dous sexos, seguro que hai moita xente que sentiría desaparecer unha obra parte das súas angustias. Pero desde Argentina o que se conta é a perspectiva de ser raro.

Máis cousas do outro hemisferio. Neste caso Paraguay e unha historia sobre esperar. Vale, non digades que é beckettiano por máis que algo sempre acabe por haber diso. Son pais e esperan porque esperar é unha condición adulta (en ocasións demasiado) e para a que fai falta certo costume en ver como sucede o tempo. La hamaca paraguaya é para iso, para esperar.

Que un espía se queixe de que pode morrer é unha obviedade. Case todo o mundo considera que ese é o seu oficio. Pero o Caso Livitnenko debe ser especial porque en lugar dunha novela escrita por Le Carré ou algún imitador, fixeron un documental. Que a verdade floreza arredor dos espías.

The rain people sería un título moi bo para unha película sobre galegos. Se lle poñemos escaleiras, máis. Sería un pouco tópico pero cine é cine. Coppola non coñece aos galegos e a súa película ten unha intención que o director non repetiría. Quizais mellor así.