A compañía abriu a programación do Salón Teatro estreando a súa proposta familiar «Boas Noites»
03 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Berrobambán, a compañía galega que se distingue por acometer propostas diversificadas para un público familiar e pola integración da música orixinal nos espectáculos, estreou onte no Salón Teatro o seu novo espectáculo, Boas Noites , inaugurando así a programación bimestral do espazo xestionado polo CDG. Obra escrita por Paula Carballeira, e gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, que convoca o Igaem, Boas Noites trata o tema do medo na infancia como ferramenta fundamental para medrar coñecendo e aceptando o mundo que nos rodea.
«A protagonista é unha rapaza que non ten tempo para xogar, que decide quitar tempo do sono, o único momento que ten libre, pois os pais lle organizan o resto do día. Pola tarde se atopa con Pedro Chosco que leva os sonos a outros sonos», resume sinopticamente Paula Carballeira a súa obra. Os pais desta nena, Xiana, fan o que moitos proxenitores, queren que a súa filla faga unha chea de cousas, polo que só lle queda a noite para deixar voar a imaxinación. Boas Noites trata de reflectir os medos da infancia e esas situacións estresantes que chegan a provocar moitos pais nos nenos. Segundo Paula Carballeira, Pedro Chosco é un personaxe non só da mitoloxía galega senón universal, «o home que trae o sono».
A tamén narradora oral considera que «os rapaces fan moitas actividades sen tempo para xogar. E cando o teñen están coas consolas e nunca cos mesmos amigos. Por iso cando van ao teatro identifican que están xogando». Neste sentido, Boas Noites é un xogo, con música en directo con moito humor, vodevil incluído e loita. Un teatro para xogar e soñar sen esperar ao sono. Manuel Vázquez, Chiqui Pedreira, Lorena Conde, Anabell Gago e Paula Carballeira conforman o elenco que se encarga de que o xogo e os soños non decaian.