A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrou, ao igual que o conxunto das delegacións galegas do COAG, o Día Mundial da Arquitectura. A efeméride, que este ano se dedicou ao tema Transmitir arquitectura de emisión cero, está promovida polo Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) e pola Unión Internacional de Arquitectos (UIA).
A delegación compostelá do COAG escolleu como edificio homenaxeado por mor desta celebración anual a Casa da Conga, situada na praza da Quintana, e abriu as portas da que é a súa nova casa, porque as oficinas da delegación van estar neste edificio a partires duns días. O programa da celebración empezou a última hora da tarde cun discurso da presidenta da delegación de Santiago do COAG, Idoia Camiruaga, no que destacou o labor dos arquitectos e a importancia de buscar as construcións de emisión cero. Explicou que as emisións cero radican en redefinir os conceptos da cidade a partires dunha actitude de consumo responsable e no uso de tecnoloxía moderna, pero sobre todo adecuada en cada caso.
Unha visita guiada polas instalacións do edificio e a proxección dunha curtametraxe sobre a situación da vivenda en América Latina completou os actos oficiais, tralos que tivo lugar unha festa nos soportais da Casa da Conga na que a música estivo a cargo de Magnifique Bande des Hommes sen Medo.
A Casa da Conga edificouse nuns terreos propiedade do cabido da Catedral, onde posuía unhas edificacións que alugaba a comerciantes. O edificio foi proxectado por Domingo Antonio de Andrade, aínda que a execución das obras correu a cargo do seu discípulo, Fernando de Casas Novoa.
O edificio salva o desnivel que separa as prazas da Quintana e de Praterías. A fachada da Quintana é a principal e ten unha composición de pilastras de dobre altura, con festóns verticais refundidos. O edificio queda dividido en catro partes que, segundo algunhas fontes, coincide co número de casas do edificio. A fachada sur corresponde a un aspecto máis sobrio e regular, coas ventanas ordenadas verticalmente.