Nos últimos anos o musical resucitou como xénero comercial. Nótase perfectamente na programación de algunhas entidades bancarias con obra cultural. Os musicais con moita xente e moitos cambios de vestiario volveron. É un exercicio de retroalimentación porque eses musicais están recollidos do que Hollywood fixo con eles que, á súa vez, foi tomalos de Broadway. Volven aos escenarios co compromiso de facer taquilla.
Sempre quixen supoñer que o musical era outra cousa. Unha inxenuidade aceptada, unha casa de bonecas con música ou, nos casos máis ousados, unha historia na que a música non precisaba de xustificación.
O CGAC ofrece un ciclo de musical comezando por The Band Wagon, dirixida por Vincent Minelli, un director que a diferenza de Antonioni case non lle deixaba tempo ao silencio. O ciclo continuará cada xoves deste mes dirixido por Ernesto Gómez.
O ciclo continuará coa versión musical sobre Traballos de amor que Keneth Branagh fixo sobre Shakespeare e rematará por unha desas películas que se converten en culto aínda sen saber ben por que. The rocky horror picture show. Será a finais de mes e se pode ir vestido para a función.