PREDECESORES
10 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Galardoada en maio co premio Mestre Mateo pola súa interpretación de actriz protagonista en Un franco, 14 pesetas, para moitos, non entanto, xamais deixará de ser María, a de Mareas vivas, a moza do xuíz (Luís Tosar). Nada na suíza Berna, aínda que de berce xalleiro, Isabel Blanco, de 35 anos, lerá o pregón do Apóstolo. Onte pola tarde «chapaba» guións cando recibiu a chamada de La Voz, que atendeu con amabilidade exquisita. -¿Que lle supón que se teñan lembrado de vostede para isto? -Pois, home, é unha honra e, ao mesmo tempo, tamén unha sorpresa enorme. Porque non son unha persoa que me considere coñecida ou a lo menos tan coñecida. Igual tivo algo que ver na elección o feito de que me teñan dado o Mestre Mateo hai pouco. -Logo, cando contactaron con vostede, ¿cal foi a reacción? -¡Uf! Cando se puxeron en contacto comigo, sobrecollinme. Foi unha sorpresa, agradable, pero unha sorpresa. E lles dixen: «¡Pero se eu non son de Santiago!». Aínda que, por proximidade, se os santiagueses mo permiten, considérome unha máis entre eles. Encántame a cidade, fascíname. Considéroa a máis máxica de todas. ¿Onde se veu un lugar en todo o mundo onde convivan en total harmonía os do Parlamento, as señoriñas da aldea, os turistas estranxeiros, os da tele...? E o mellor é que todos acaban entendéndose. É a cidade das non diferenzas, penso. -Dubidou se aceptar ou non, polo que se intúe. -Se lle digo a verdade, deume un pouco de pudor aceptar, case me dá por dicir que non [entre risas]. Para min, o Obradoiro é algo tan grande... E non falo de espazo. -As actrices acostuman a ler os guións que lles dan. Desta tócalle escribir o seu propio papel. ¿Ou vai botar man de alguén? -Non, os pregóns son algo moi persoal. Teño lido algúns e nunca me agarrei a un texto xa escrito para dalos. Gústame personalizalos. Non podería cantar a unha vila lindezas que descoñecera. Non sería quen de poñer palabras de outros na miña boca coma se fosen miñas. -Entón, ¿que lle vai contar aos milleiros de persoas que estarán na praza o venres próximo? -Se me chama mañá, dígollo, cóntollo todo con exactitude. -¿Pero non empezou aínda? -Si, si, pero teño moitísimas ideas e estaba esperando a este momento [a que transcendera que sería a pregoeira das festas] para darlle forma a todo iso.