Crónica | Campaña de concienciación dos escolares
07 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?e os case 7.000 escolares galegos que firmaron o seu compromiso co medio ambiente cumpren a súa palabra, o futuro do planeta estará algo máis a salvo. Os rapaces, estudantes de primaria de toda Galicia, participaron na campaña de educación ambiental Ti es a peza que falta. O futuro está nas nosas mans , posta en marcha pola Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) o pasado mes de marzo. A través de material didáctico e utilizando como plataforma os distintos centros educativos, deuse traslado ao alumnado dun código de boas prácticas no uso prudente e racional dos recursos, onde se recollían pequenos xestos diarios para aforrar enerxía, auga e materias primas, e no que tamén se proporcionaban datos curiosos sobre a produción media de residuos, a reciclaxe e a contaminación que poden ocasionar materiais aparentemente inofensivos como as pilas botón. Lección aprendida E os pequenos aprenderon a lección. Tanto é así que ata Sogama chegaron, ata o pasado 10 de maio, miles de compromisos nos que os rapaces dicían: «Son consciente da miña responsabilidade para protexer o medio ambiente e acadar un futuro sostible para Galicia e comprométome a actuar responsablemente e a realizar pequenos cambios no meu comportamento diario». Pero aos nenos, de entre seis e doce anos, non lles chegaba co texto institucional e moitos foron máis aló. Así, en Sogama recibiron todo tipo de misivas. Por exemplo, Javier, de Ourense, aseguraba: «Na miña casa seguimos os vosos consellos. Non deixamos o televisor en stand by ».