Entrevista | Armando Raposo XEFE DOS TIRABOLEIROS
06 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.O botafumeiro non estará a punto para voar mentres Armando Raposo non estea certo que pode facelo con todas as garantías de seguridade. El é o xefe dos tiraboleiros dende 1964, pero xa tiraba del no ano 50, como segue facendo con sete homes máis. Coñece o incensario coma ninguén. -A corda, primeiro porque a anterior non durou nin tres anos, e despois porque a nova é moi dura e esvara para facer o noso. Imos ter que aseguralos con cordas de punta de tralla para agarren ben. E non acaba de estirar para estar como debe para que sexa o botafumeiro quen domine, e non ao revés. -¿Cando se decatou de que a anterior estaba rompendo? -Foi o señor arcebispo o que se deu de conta. Cando lle foi botar o incenso para poñelo en marcha, advertiu que caera un cacho de corda, e comentoumo. E comprobamos que se desfacía e decidimos retiralo, porque é unha responsabilidade moi grande non facelo con toda a seguridade. -¿Deulles tanto que facer a maroma anterior? -Non. Fixemos probas e esas cousas, pero eran naturais, máis brandas. As boas eran as de antes, pero viñan de Cordelerías Casa Mar, de Vigo, e pechou. A última desa casa durou trinta anos. As dúas últimas mandounas Pescanova, e sendo boas, non tiñan comparación coas outras, porque xa non se fan. -¿Non pensa que se gastou antes porque o botafumeiro funciona máis veces? -Non, non creo que fose polo uso, senón porque cambiou a composición das cordas. E tamén porque había dúas pezas gastadas e facíalle saír fora do sitio e rozaba. -¿Nun ano santo, cal é a media na temporada alta? -Hai días que chegou a funcionar sete veces, pero a media diaria é de catro. -¿Que pesa o incensario? -Pois son 59 quilos. -A velocidade que colle impresiona, ¿sabe a que chega acadar? -Polos cálculos que fixo un profesor de Física da Universidade, chega aos 170 quilómetros por hora cando está chegando aos arcos das bóvedas. -Case é tan espectacular velo voar como cando vostede o para. ¿Ten algunha técnica especial? -O segredo é coller as dúas cadeas á vez. Se non se fai así, zapatéate. Moitas veces teño medo de facer o ridículo e que me zapatee. Ate agora non me pasou nunca. -Chóvenlle os parabéns ate do Rei. -(Rise) Xa estou cocido niso. O malo é que a xente aplaude e grita ¡bravo!, e como son tantos non hai maneira de mandarlles calar. Levanta moitas emocións distintas, pero sobre todo pola fe. Vexo moita xente chorar, e poñerse de xeonllos. -¿Ten relevo no grupo? -Non é fácil. É moi suxeito, sen sábados nin domingos libres, e a xente nova non está por iso. Eu enténdoo.