Vía Stellae estrea a ópera «Orfeo Dolente» en versión concerto

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

Mercedes Hernández e Fernando Reyes abren os Concertos Express Será interpretada pola formación de solistas Le Poeme Harmonique, que dirixe Dumestre

03 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A segunda xornada do Festival de Música de Compostela e os seus Camiños Vía Stellae introduce a ópera, o xénero ao que rende homenaxe este evento organizado polo Xacobeo, por mor do 400 aniversario do seu nacemento. A cita é no Teatro Principal ás 21.00 horas, coa versión en concerto de Orfeo dolente , de Doménico Belli, interpretada pola formación francesa de música antiga Le Poeme Harmonique, dirixida polo seu fundador, Vincent Dumestre. A obra é estrea en España. A programación desta ópera non é casual. Este ano cúmprense catro séculos da estrea en Mantua (Italia) da primeira ópera, Orfeo , de Monteverdi. O director do Vía Stellae non optou por aquela primeira obra, senón pola que, nove anos despois, creou Domenico Belli, que volveu tratar o mito de Orfeo con esta ópera florentina dividida en cinco intermedios ou divertimentos, estreada en 1616 no medio dunha representación na peza teatral Aminta , de Torquato Tasso, durante o carnaval de Florencia. Le Poeme Harmonique é unha formación de voces integrada polo barítono Arnaud Mazorati (Orfeo), a mezzosoprano Isabelle Druet (Calliope), as sopranos Claire Lefillitre (Gracia I), Camille Poul (Gracia II) (soprano), Catherine Padaut (Gracia III) e o tenor Jan van Elsacker (Pastor). Os asistentes ao concerto poderán escoitar na primeira parte obras de Claudio Saracini e Giulio Caccini, que serán interpretadas reunidas baixo o título Suspiros de amantes. Concertos Express O festival estrea esta tarde o programa de Concertos Express. Son un total de 19 programas breves, de 30 minutos de duración, que terán lugar en seis claustros doutros tantos edificios monumentais da cidade, con entrada libre. O que inaugura o ciclo ás 18.00 horas de hoxe será no Hostal dos Reis Católicos, e os seus protagonistas son dous músicos composteláns especialistas en música antiga e barroca cunha ampla formación en centros de prestixio de Francia, Alemaña e Suiza. Son a soprano Mercedes Hernández e Fernando Reyes, intérprete de tiorba e guitarra barroca, que mañá volverán actuar no claustro de San Martiño Pinario a mesma hora. O venres será Plamen Valev, violonchelista principal da Real Filharmonía de Galicia, o que ofrecerá un concerto Express en Fonseca, ás 12.30 horas.