Entrevista | Ramón Tojo Lens Custoulle aceptar a proposta do PP de ser candidato, pero os resultados falan por si sos: sen nunca estar no rodo político obtivo maioría absoluta tras catro anos de goberno bipartito
21 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?amón Tojo Lens (A Meana, Rois, 1965) non é amigo das entrevistas, pero converter ao seu municipio natal nunha excepción política en toda Galicia, ao lograr a maioría absoluta polo PP tras catro anos de goberno de coalición entre BNG e PSOE, ben merece unha. A esa vitoria hai que sumar un mérito engadido: nunca antes tivera contacto coa política, máis alá de ser fillo de Enrique Tojo Blanco, quen gobernou Rois durante máis de dez anos. Ás oito da mañá do luns, Ramón Tojo sentouse por primeira vez na Alcaldía. -¿Qué tal estes primeiros días como alcalde? -Ben, para min é unha novidade todo pero, aínda así, lévoo con rigor e optimismo. -¿Xa chamaron moitos veciños á súa porta? -A verdade é que si, que vén moita xente. -Cinco días no cargo e xa simplificou a vida municipal con pequenos cambios. -Así é. Pero para cambiar máis cousas será necesario pasar o trámite plenario, como é sucede para derrogar a taxa dun euro por expedición de documento administrativo. -Tamén se acabaron as citas para falar co alcalde. -Así é. -¿Qué é o prioritario? -Para empezar, mirar as obras que hai empezadas e que están sen acabar, nalgún caso pese a que levan moito tempo sen lograr nada. Tamén hai que mirar detalladamente as contas municipais pero xa avanzo que, practicamente, o orzamento está esgotado. Unha vez feitos algúns pagos, hai que ver que lle queda ao novo goberno para xestionar. Tamén temos que poñer en marcha o grupo político e asignar as concellarías, algo que quedará pechado entre finais desta semana e principios da próxima. E, por suposto, o traballo do día a día, atender aos veciños e tratar de acabar coa lentitude nos trámites municipais. O Concello debe ser un trampolín e non un obstáculo, senón a xente abúrrese. -?oa chegada dun novo inquilino ás alcaldías, a máis dun traballador temporal lle asaltan dúbidas sobre a súa continuidade no posto. En Rois, ademais, o PP sempre criticou na oposición a contratación de asesores urbanísticos. ¿Ten previsto facer cambios no tocante ao persoal? -Xa mantiven unha reunión cos traballadores, aos que lle pedín colaboración e lealdade ao novo goberno. Trataremos de sacar o máximo rendemento co actual persoal, pero xa anuncio que si que vai haber cambios. -Imaxino que vostede se poñerá como medida o listón de seu pai. ¿Quedou moi alto? -Para min si. Tratarei de igualalo ou superalo, pero vai ser moi difícil. El ten moito que ver na miña vitoria. -Co resultado que sacou será o neno mimado do PP. -A verdade é que o partido me ten en consideración e xa me está pedindo a fórmula da miña vitoria. Pero eu insisto en que non só foi mérito propio, senón tamén erro do anterior goberno.