«O que importa é o Camiño, porque chegaré o de menos»

Concha Pino santiago

SANTIAGO

Entrevista | Sérgio Luís de Carvalho ESCRITOR, AUTOR DE «PEREGRINOS SEN FE» A novela do autor luso vén de ser públicada en galego por Biblos Club de Lectores ao tempo que en portugués

08 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Dúas historias separadas por cinco cinco séculos e unha viaxe de Lisboa a Compostela polo Camiño Portugués en común son os vimbios cos que Sérgio Luís de Carvalho construíu a novela Peregrinos sen fe , que vén de publicar en galego a editorial Biblos Club de Lectores ao mesmo tempo que aparece en portugués, editada por Campo das Letras. O autor falou en Santiago da xénese dunha trama que une a un médico humanista do final da Idade Media que fuxe da Inquisición e a un cantante que vai en busca dunha paixón moribunda. Ningún remata en Santiago, «porque o que de verdade importa é o camiño, chegar é o menos importante». Rematan en Padrón. -Eu penso que calquera tema dunha novela histórica ten sempre que ver co presente. Inicialmente tiña pensado máis na historia que acontece no século XVI, pero considerei a necesidade de contraporlle outra historia e que fose da actualidade. A cuestión é que ambos fan a peregrinación sen fe, de aí o título, pero mentres para o primeiro a viaxe dura semanas, o segundo faina nunha noite. E ningún chega a Santiago. -¿Que teñen en común, aparte desa viaxe? -O leit motiv é a historia de Dido e Eneas, porque o primeiro peregrino le a Eneida cando está preso pola Inquisición, e o segundo vai a Compostela precisamente porque foi nesta cidade onde cantou como Eneas a versión operística de Henry Purcell. -¿Que papel xoga nesta trama a ruta portuguesa a Santiago? -Cando un portugués fala de Santiago xurde como obvia a idea do idea do Camiño Portugués, que curiosamente está sendo revitalizado, coa aparición dalgunhas publicacións nos últimos anos, que para min foron vitais á hora de documentarme. E calquera peregrinación na Idade Media tiña que ser a Santiago. Outra cuestión daquel momento que me parecía interesante abordar ten que ver coa caída dos imperios ibéricos, e entre os motivos hai un que me parece moi importante, e que está esquecido, como o da condenación e a represión do erasmismo na Península Ibérica, porque o pensamento de Érasmo de Róterdam tivo unha gran influencia en España e en Portugal. E o protagonista da primeira historia está preso por iso, e a partir de aí todos os grandes pensadores portugueses son censurados e perseguidos pola Inquisición. -¿Coida que son moitos os peregrinos sen fe? -Hoxe en día, unha grande parte non teñen necesariamente motivos relixiosos. Na Idade Media tampouco, e mesmo podía ser unha imposición por ter cometido un delito, ou como unha forma de purificación.