O Museo Granell pon en marcha o programa de talleres didácticos para nenos e persoas adultas
SANTIAGO
Contribuír a que os espectadores sexan activos diante das obras de arte e promover un espírito crítico é un dos obxectivos das actividades didácticas do Museo Granell, dirixido a nenos e persoas adultas por medio das visitas guiadas e cunha oferta renovada de talleres para fomentar e desenvolver a creatividade. A directora da Fundación Granell, Natalia Fernández, presentou estas actividades acompañada polo concelleiro de Cultura e patrono da entidade, Néstor Rego, e polo responsable do servizo, Eduardo Valiña. Tamén tomaron parte os encargados de impartir os obradoiros desta temporada. A oferta para nenos e nenas consiste en dos talleres. Un é o de animación á lectura que imparte ate o mes de xuño a poeta Antía Otero. É os luns de 18 a 19.30 horas e para adolescentes entre os 10 e os 15 anos. Outra opción é o cursiño a cargo do artista plástico Santi Jiménez para ensinar a debuxar banda deseñada a pícaros de 8 a 12 anos e con contidos personalizados segundo os intereses dos participantes. Tamén se desenvolve ate finais de xuño, os mércores de 19.00 a 20.30 horas. O prezo é de 30 euros por familia e mes. Os talleres para adultos empezan co que imparte cada xoves, de 19.00 a 20.30, a artista Reina D'hoore, centrado en creatividade e relaxación. A base de traballo son as cores e exercicios corporais, seguindo o método Saint-Soleil, desenvolvido en Haití por Jean-Claude Garoute. Os pais e nais, mestres de xardíns de infancia e calquera persoas a partir dos 18 anos poden apuntarse a aprender a facer xoguetes con materiais da natura, no taller que ten ao seu cargo Diana Tessari Unha terceira proposta para adultos é a que terán ao seu cargo á volta do verán Verónica Gulluscio e Yamila Yaquino. Consiste en atopar á conexión entre o corpo e o medio que o rodea mediante o xogo, o movemento e a creatividade. O Servizo de Didáctica tamén organiza actividades para a Escola do Hospital Clínico, e ten en marcha o terceiro certame de arte escolar Eugenio Granell.