Entrevista | Lois Ferradás Blanco O actual responsable cre que a universidade española está moito máis centrada na teoría que outras estranxeiras
19 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.?ois Ferradás tomou posesión onte como decano dunha facultade que integra sete carreiras, uns 2.300 alumnos e 150 profesores. Levan anos reclamando que Pedagoxía, Psicopedagoxía e Educación Social (campus sur) e os Maxisterios (campus norte) estean nun só edificio. O reitor, Senén Barro, avanzou onte que ese novo centro comezará a construírse no 2008. -Hai dez anos eu dicía que en dez anos estaría, e xa daquela me parecía moito. Se se empeza no 2008 como dixo o reitor, daríame por satisfeito. Para nós é unha urxencia indispensable para traballar en condicións normais, porque os do equipo decanal temos que andar transhumando continuamente. Non é bo para a xestión e non se crea comunidade. -¿Por que tanto tempo agardando? -A explicación que se deu foi que, como iamos ocupar o edificio de Filosofía, mentres non se fose a Mazarelos non nos movían. No proxecto non se avanzou nada e foron pasando por diante outras opcións da Universidade -institutos, reformas doutras facultades...-. E non hai que ser alleo á súa situación financeira. -Nas carreiras de Educación, ¿non hai unha formación moi teórica para algo que é moi práctico? -Está a cambiar. Maxisterio Musical ou de Lingua Estranxeira están moi dirixidos á práctica. Tamén Educación Social. Hai prácticas previas á licenciatura ou diplomatura. A universidade española con respecto á maioría das europeas destaca pola orientación teórica, pero están dándose pasos. -Cando Maxisterio teña catro anos, ¿aumentarán as prácticas? -É unha das orientacións que temos, que aínda son hipóteses. Considero que non será menos de medio ano académico, pero dígoo con precaución. Maxisterio sempre tivo prácticum, dende que se recordan as escolas de hai 150 anos. -Vostedes manteñen o número de estudantes, aínda que o mercado laboral... -Pode haber varias explicacións. En Maxisterio e Psicopedagoxía mantense unha cota de empregabilidade: este ano hai unha oferta espectacular. Non son carreiras especialmente difíciles. Son profesións coñecidas. Educación Social, por exemplo, ten un especial atractivo pola súa dimensión de compromiso e transformación. -Moita xente doutras carreiras fai materias de libre elección en Maxisterio. -É certo, si. Hai carreiras con pouca oferta de optativas. Temos materias divertidas e prácticas. Tamén hai a idea de que non van ser materias que vaian estropear o expediente. -¿Cales serán as principais liñas de traballo do novo equipo decanal? -Varias. Imos ter reformas dos planes de estudo e quero que vaian máis alá de maquillaxes e nos fagan avanzar nunha maior orientación práctica.