A obra gráfica das coleccións públicas da cidade dialoga cos creadores de hoxe.
13 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Do primeiro cómic galego ás camisetas de Rei Cintolo con parada demorada do primeiro andar. Coa ruidosa protesta dos traballadores da limpeza de fondo, inaugurouse no Parque da Música a exposición O debuxo por diante , unha produción pioneira que nace da colaboración entre a Xunta, a traveso do CGAC, a Universidade e do Concello co obxectivo de poñer en valor o debuxo como arte tomando como punto de partida a obra gráfica que existe nas coleccións públicas da cidade. O proxecto non é historicista nin se concreta nunha mera exposición espectáculo tirando dos ricos e variados fondos públicos. Vai máis aló ofrecendo lecturas que en todos os casos teñen o debuxo como fío condutor dun discurso plástico coherente e con entidade propia como obra de arte. Os comisarios Montse Cea, Eduardo Valiña e Kiko da Silva lograron materializar un proxecto cheo de sorpresas e achados que se reparte en cinco sedes. A exposición ten tres partes que non están illadas. Os fondos das coleccións, que están nunha ou noutra sede con independencia da súa procedencia, son o groso da montaxe e conforman a parte que denominan Vasos comunicantes . Neste discurso, cun espazo propio no CGAC, entra o campo da ilustración contemporánea, as creacións de colectivos artísticos dedicados en moitos casos a produción comercial e de lecer que nunca foron consideradas arte, como indicou Kiko da Silva. Son os ilustradores, humoristas gráficos e os que fan banda deseñada. Rende homenaxe a Raimundo Patiño e Xaquín Marín, autores do primeiro cómic galego. O terceiro pé da proposta é Por fóra do papel , que presenta cinco intervencións doutros tantos artistas contemporáneos nas que o debuxo é o eixo de cada traballo. Rubén Santiago cuestiona as exposicións espectáculo e o criterio de valoración cuantitativo ao pé do Auditorio con Acta pública probanti se ipsa (Os feitos públicos próbanse por se mesmos) ; Ignacio Uriarte montou The A4-Cycle na sede da Fundación Granell, en Bendaña; Mauro Trastoy conta co simbolismo da Igrexa da Universidade e os referentes da cultura católica para a intervención Rara Avis ; Irene Van de Mhenn realizou a instalación Cada vez máis no CGAC; e Juan Carlos Bracho estrea Zona C, en Bonaval, cunha obra en construción.