Hoxe represéntase o espectáculo «Alma», da compañía valenciana Ananda Dansa O Principal e o Auditorio acollerán no primeiro semestre esta iniciativa cultural
27 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O espectáculo de danza e teatro Alma, da compañía Ananda Dansa, foi a obra encargada de inaugurar onte o programa En Xira 2007, unha iniciativa da Concellaría de Cultura na que colabora a Fundación Caixa Galicia. Baixo a dirección de Rosángeles Valls, Alma pretende chegar ao máis fondo mediante unha comunicación humana e orgánica que se expresa coa danza. Segundo as palabras da directora é tamén «moi próxima ao público, leda e divertida». O espectáculo, en palabras da agrupación, que coa estrea de Alma cumpría un cuarto de século, «trata da viaxe como experiencia, sobre a madurez, sobre a ledicia de ter vivido estes anos co pensamento alto e limpa a emoción», valéndose das verbas de Kavafís en Ítaca e reflexionando sobre o que o grupo ofrece no espectáculo, o que levan máis dentro por telo vivido, alí onde danza esta Alma, da que se poderá volver gozar hoxe ás 21.00 horas no Teatro Principal. A seguinte cita co En Xira 2007 achegará o Auditorio de Galicia a shakesperiana Un conto de Inverno, dirixida pola tamén valenciana Magüi Mira e que viu a súa estrea no madrileño Teatro Albéniz hai pouco máis de un mes. A representación subirá ao escenario a un prestixioso reparto no que destaca o inglés Will Keen, considerado un dos mellores actores do panorama teatral internacional, sen desmerecer a Lucía Jiménez, Paco Alegre, Jordi Brunet ou Carolina Lapausa. Considerada polos críticos unha das obras máis completas de William Shakespeare, a pesar de ser escrita no século dezasete arranca as paixóns propias dunha historia de celos e malos tratos que conxuga a fábula coa traxicomedia. Tan vixente que tristemente se pode observar non só desde unha platea, senón en calquera páxina de sucesos. Os elencos de luxo non conclúen e, xa ven entrada a primavera terá lugar a representación de Auto, unha obra orixinal de Ernesto Caballero na que catro personaxes comparecen nun xuízo no que non saben se son acusados ou testemuñas, achegará os recoñecidos intérpretes Carmen Machi, Vicente Díez, Marisol Rolandi ou Eva Santolaria. Segundo o director, trátase dunha obra irónica con mensaxe cunha posta en escena na que destaca a frontalidade do actor. ¿Por que? Por coherencia, responde. O primeiro semestre do En Xira baixará o pano coa representación da historia do narigón Cyrano de Bergerac , dirixida por John Strasberg, o 11 de maio.