Reportaxe | A situación actual das parroquias da capital galega As vinte e unha entidades, atendidas por dezanove sacerdotes, forman unha estrutura complexa, con capelas que teñen máis poboación e actividade que a propia matriz
16 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.CITA FÚNEBRE. O enterro do reitor do Seminario Maior, Sánchez Canals, reuniu o mércores a máis de douscentos sacerdotes, entre os que estaban todos os párrocos da cidade e a curia catedralicia. En Compostela celébranse cada domingo oitenta misas. É unha cifra moi elevada considerando a situación que atravesa a Igrexa nunha sociedade secularizada, que obriga aos poucos curas que quedan a atender varias parroquias porque, malia que os fieis caeron en picado, mantéñense os ritos cristiáns da morte e da vida, e mesmo o sacramento do matrimonio en primeiras nupcias. Na capital galega hai 21 parroquias atendidas por 19 párrocos ou administradores parroquiais (curas sen nomeamento de párroco pero que funcionan como tales a todos os efectos), cunha media de idade moi elevada, porque o máis novo de todos eles ten 57 anos. Esta estrutura pastoral encádrase no que chaman Arciprestado do Xiro da Cidade, entendendo a Catedral coma o centro, de aí o de xiro. Abarca unha superficie de algo máis de 12 quilómetros cadrados e a unha poboación cifrada en 87.831 habitantes. Tantas parroquias explícanse pola existencia de igrexas e capelas que acollían a toda a cidade desde hai séculos, máis as que se anexionaron co tempo, como é o caso de Conxo, e as de barrios noutra época illados e rurais, coma O Castiñeiriño e Vidán. E tamén pola creación doutras novas coa emerxencia de grandes núcleos de poboación transvasada ou asentada de novo da cidade nas dúas últimas décadas, coma as dos Tilos e As Fontiñas. Pero a mobilidade social non para, e mentres o casco vello está medio baleiro e no Ensanche se mantén, xorden barrios enteiros para os que quedou pequena a igrexa da zona, como lles pasa en Santa Marta ou no entorno de San Lázaro e de San Caetano, e mesmo sen visos de que a vaian tela a medio prazo. Á xerarquía eclesiástica preocúpalle esta situación dispar, pero non tanto o feito de que un cura atenda varias igrexas. Trátase de resistir e agardar que muden os tempos, e porque, como comentaba un responsable da Igrexa compostelá, «hoxe é máis doado que nunca atender varias parroquias contando cun teléfono móbil e un coche». O certo é que todo é relativo, porque as situacións son dispares. A parroquia de San Fiz de Solovio, a máis antiga da cidade e cunha igrexa do século XII no corazón do casco histórico que é unha xoia do patrimonio monumental, quedou sen fregueses. O párroco é Miguel Botana, que tamén o é das parroquias de San Andrés e de Salomé (que absorbeu á anterior). Para os efectos só ten vida parroquial Salomé, porque San Fiz só se abre os sábados e nas vésperas de festivos para a misa adiantada dominical que don Miguel celebra ás 16.30. É cando se enche o fermoso templo «porque, como esta misa que vale pola do domingo é a primeira das que hai na cidade, vén moita xente que ao acabar vaise de fin de semana», explica o cura. E ábrese tamén por encargo para bautizos e vodas «de persoas que viven en concellos veciños ou noutros barrios, pero que eran desta parroquia e queren celebrar nela as cerimonias relevantes». Un caso semellante, pero con variacións substanciais, é a parroquia de San Frutuoso, cun fermoso e monumental templo situado detrás de Raxoi, que tamén ten poucos fregueses, pero da que dependen dúas capelas que hoxe son as que suman máis asistentes e con moita vitalidade social como as do Carme de Abaixo, zona revitalizada e en auxe residencial, e a de San Paio do Monte, en Casas Novas, que é a que lle toca ao presidente da Xunta pola localización da residencia oficial. O sacerdote encargado desta complexa parroquia é Juan José García Barreiro, un cura que cifra en 6.000 a súa freguesía. Este cura asegura que a Igrexa «ten que chegar a ser unha sociedade máis na que os seus membros se identifiquen con ela e asuman o compromiso de participar e actuar dende o convencemento». Defende a presenza activa da muller na Igrexa e apela a superar «barreiras e tabús como ser de esquerdas e cristián», e recoñece que na práctica «non respondemos ás inquietudes da xente de 50 anos para abaixo». En Conxo, un barrio en expansión, o párroco é Manuel Pérez Villar, que aprecia os cambios na parroquia polo aumento de bautizos, con 52 ate novembro, e xa sen contar os que procedían do Milladoiro, que xa ten igrexa.