CRÍTICA | CINEUROPA
14 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O exotismo non depende de quen fai as cousas senón do que as mira. A última película de Carlos Sorín, El camino de San Diego , ten algo máis que un punto de exotismo primitivo sobre a aparente viaxe ás profundidades do inxenuismo. A película é unha desas historias agradecidas, naturalmente interpretadas e cun argumento que chama a atención. O director arxentino déixase ir un pouco no pastiche do inxenuismo e non acaba de apartarse da amabilidade. Cando se aparta, case resulta folclórica. A historia do seareiro de Maradona que recorre Arxentina para entregarlle unha talla feita por el é unha fábula inocente e sen sentenza final, un conto inxenuista, colorista que aproveita ese carácter mestizo e algo tópico das profundidades de calquera país. Sobre a historia vai unha película de carreteira na que se cruzan personaxes a cada cal máis singular, cunha interesada filiación cara ao exótico. A historia busca a complicidade dos espectadores no ton amable, no carácter absolutamente sinxelo do seu personaxe protagonista e nos arredores sumamente folclóricos dos seguidores futboleros na Arxentina. Todo por xunto da unha historia de brandísimo carácter que aínda chama pola boa fe da xente, como unha historia que ninguén querería escoitar nunha sobremesa excepto que houbese moitos nenos diante. É unha historia na que todo o mundo é bo, sorrí e nin sequera se para a pensar no futuro, no caso de que verdadeiramente exista. Carlos Sorín acabou montando unha versión latina, contemporánea e sen xuízos morais de Frank Capra, con personaxes que percorren a diario un camiño que bordea os problemas e que non miran xusto para o outro lado. Igual vai ser esa a solución a tantas cousas como no mundo pasan. Cineuropa. Hoxe. Sala Yago. 21.45 horas. Último pase.