«Os alumnos de antes eran moito máis respectuosos»

SANTIAGO

MERCE ARES

Entrevista | Marisa Neo Mejuto Case 40 anos de docencia, 30 deles en Rois, fan desta muller toda unha institución que ensinou a pais e fillos e viviu unha revolución de xeracións

05 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? primeiro que escoitou duns alumnos no ano que tomou posesión coma mestra foi iso de «Ave María Purísima», ao que ela non contestou, pese a que os nenos lle dixeron cómo tiña que facelo. Aconteceu en 1968 na escola dun pobo de Muxía, o primeiro dos tres destino que tivo Marisa Neo Mejuto (Agolada, 1945) en case 40 anos de vida docente. De Muxía foi para Xei, unha aldea do concello de Rois, no que actualmente reside co seu home e dous dos seus tres fillos. O curso pasado foi o último en activo e, a piques de cumplir 61 anos, decidiu prexubilarse tras unha andaina de libro. Marisa Neo pinta e escribe poesía, pero ben podería poñer en papel as vivencias de todas estas décadas, empezando polos seus dous anos na carreira de Medicina, profesión do pai, que se lle fixo moi longa, coas gañas de casar que tiñan ela máis o seu mozo. Pero sen título acabado non había permiso de boda. -¿Que recordos ten dos comezos? -Ademais de moitas anédoctas, sobre todo a relación moi persoal que mantiven con tódolos veciños do lugar no que estaban as escolas. Tan persoal foi esa relación que, por exemplo en Xei, mesmo levaba as cartas, as recetas e puña inxeccións aos veciños. -En 1976 chegou ao seu terceiro e definitivo destino, Rois, onde veu nacer o colexio e mesmo o ensino en galego... -Foi unha época dura pero lembro con satisfacción que, pese aos poucos medios e a que os pais estaban pouco mentalizados da importancia do ensino, das aulas de Rois saíron moitos futuros universitarios. Eramos xoves e con moita ilusión, algo que tratei de non perder ata o final. Pese a todo iso, o ensino foi de calidade, sen contar que, en Rois, fomos pioneiros na creación dunha das primeiras asociacións de pais de alumnos, que facía as reunións con luz de velas. E sen reparar nas folgas que chegamos a facer durante 20 días e mesmo no ensino en galego. -Tense dito que eses anos foron especialmente complicados para algúns compañeiros seus. -Si, basta dicir que o Concello chegou a apoiar unha escola parella á nosa, en plena época franquista. -Vostede deulle clase a pais e fillos. ¿Cales son as diferenzas entre os alumnos de antes e os de agora? -Os de antes eran máis respectuosos, esforzábanse máis e valoraban máis os estudos porque todo o que tiñan era a base de esforzo. Hai que voltar á cultura do esforzo. Os nenos son iguais os de antes e os de agora, o que cambiou foi a sociedade, que agora é máis permisiva de modo que os adultos non poñen os límites suficientes e os fillos logran todo con demasiada facilidade. -Como colofón da súa carreira, acaba de formar parte do tribunal da últimas oposicións de mestre. Ademais de formación, ¿que debe ter un docente? -Ante todo, vocación e actuar con corazón. Os alumnos deben ser sempre o primeiro e eu síntome orgullosa de levar o seu cariño. -Din que se preocupou de que alumnos de hai 20 anos que acabaron a educación básica continuaran estudios. ¿Que hai de certo nisto? -Si, pero aínda teño algunha espiña cravada por algún que non seguiu, pero é que había moitas dificultades económicas. -¿E agora que? -A pintar que, xunto con ler e escribir poesía, é a miña grande afición.