«O edificio social de Caixanova pode adaptarse sen traumas»

Concha Pino SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Entrevista | José Luis Pereiro Alonso Este profesional traballa xa no informe previo ao proxecto de intervención no inmoble de Cervantes que construíu Pereiro Caeiro en 1886 para a Banca Olimpo Pérez

13 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Non é casualidade que Caixanova lle encargue ao arquitecto José Luis Pereiro Alonso o proxecto de remodelación do magnífico edificio que acaba de mercar na praza de Cervantes, porque fixo outras obras para esta entidade. O que si é froito do azar é que vai intervir no edificio máis emblemático dos que proxectou e construíu en Compostela seu bisavó, Manuel Pereiro Caeiro, no último cuarto do século XIX. Este inmoble realizouno en 1886 por encargo de Olimpo Pérez, que no baixo e soto albergou a banca do mesmo nome e nas plantas altas as vivendas da familia. O caso é que a pegada do seu antepasado está por todo o casco vello, recoñecible e intacta. -Penso que o máis importante dos que fixo foi o asilo do Camiño Novo, que foi demolido na década dos oitenta. Pasaba por diante del todos os días cando estudaba. E chamábame moito a atención sen saber que era del. Este de Cervantes ten o encanto da posición que ocupa e a intervención que supuxo un edificio que hoxe é de referencia. O interior é precioso, con madeiras estupendas e moi ben conservado e con moitas posibilidades. -¿Que o mercara unha entidade como Caixanova é o mellor que lle podía pasar? -Penso que si, porque é fantástico que se poida recuperar, non só pola conservación do edificio senón, sobre todo, pola potenciación desa zona do casco histórico, polo uso cultural e social que pretende Caixanova. -¿Se lle deixaran elixir o seu uso, cal lle daría? -Este paréceme moi ben, pero tamén se podería adaptar estupendamente para un hotel, aínda que Santiago xa ten moita oferta, e sobre todo para vivendas. Podíanse facer vivendas, claro, ten unhas condicións idóneas, porque de feito as plantas altas sempre foron vivendas, enormes. A principal característica do casco histórico é a vida que ten, e transformar un edificio coma este non vai en detrimento deses uso, senón que a revitaliza. O que había que coidar é a proliferación de todo ese comercio barato. -¿Como vai ser o seu proxecto de remodelación? -Non sei. Estou facendo un primeiro informe de avaliación do edificio para ver a posible adaptación do programa previsto. Hai que ver ben en que situación está, porque no soto, na planta baixa e parte da primeira sufriu unhas reformas importantes nos anos 70. -¿Prevé moitos cambios interiores, facer moita obra nova? -Penso que pode adaptarse sen grandes traumas. As previsións son dotalo de salón de actos, salas de exposicións e outras de usos polivalentes, de reunións... Esta moi ben conservado, ten espazos moi amplos e unhas alturas de teitos tamén importantes. -¿Queda algo que recuperar que sexa susceptible de interesarlle a algunha institución ou entidade? -Hai un pazo precioso, o dos condes de Ramiráns, antiga residencia da familia Harguindey, na rúa Nova. Conserva unha hornacina cunha figura de San Patricio, porque foi o colexio dos irlandeses. Paréceme que é dos máis emblemáticos que quedan por recuperar na cidade, na que nos últimos anos se levou a cabo un labor realmente importante na recuperación da estrutura urbana do casco histórico. -¿Que bota de menos ou pensa que está por facer? -Que non se actúe só de maneira puntual e que haxa un mantemento constante, porque se reconstrúen os edificios con procedementos tradicionais que teñen o problema do mantemento. -¿Deberían permitir intervir máis no interior? -Creo que si, con criterios de máis modernidade. Estamos un pouco anelados en patróns do XIX, e deberíase poder facer arquitectura contemporánea, con lecturas contrastadas.