«Esta cidade redescúbrese coa mirada dos que a aman»

Concha Pino SANTIAGO

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

Entrevista | Ramón J. Castro O autor reúne no libro «Compostela viva» vintecinco das entrevistas que fixo para un programa de radio d0 mesmo nome a destacados personaxes da cidade

19 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O xornalista radiofónico Ramón J. Castro é un dos poucos profesionais da información en Compostela que é compostelán. Se cadra é por iso que as entrevistas que lles fixo a personaxes desta cidade que aparecen reunidas no libro que presenta este serán, Compostela viva , teñen o encanto de achegar a cidade ao lector como se o levaran de paseo pola memoria, polas súas rúas e prazas, da man dun garda dos seus segredos. -Son parte das entrevistas que fixen para o programa de Onda Cero Compostela viva a personaxes composteláns ou vinculados a ela dende hai anos, picheleiros de nacemento ou de adopción. Pero a idea de reunilas nun libro foi de Ignacio Capeáns, director de Onda Cero e Antena 3 Galicia, contando coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, que se fixo cargo da edición da obra. O que non foi posible é que aparezan as arredor de corenta entrevistas que fixen para aquel programa semanal. -¿Foi dura a selección? -Sempre o é nestes casos, pero só podían ser vintecinco. Así que eliximos as daqueles personaxes máis coñecidos e populares en distintos eidos da vida social, cultural, política e empresarial compostelá. Non falta alguén da Universidade, da Igrexa, da hostalería e do comercio. -¿Quen lle gustaría que figurara pero que non chegou a entrevistar? -Hai dúas persoas que faltan porque a conversa quedou pendente por unhas razóns ou por outras, como foi o caso de Xerardo Estévez e de Xosé Manuel Beiras. Outros dous que me gustaría ter entrevistado, pero que xa nunca poderá ser, son os tristemente desaparecidos Diego Bernal e Roberto Vidal Bolaño. E moita xente anónima que ten moito que dicir sobre esta cidade e a súa historia recente, dos que pasean compostelaneando, falando e parando con este e con aquel, paseando con dominio do territorio. -¿Hai alguén que o sorprendera ou que non respondera a imaxe que tiña del ou dela? -Cada unha destas persoas aportou visións e reflexións sobre a cidade que me sorprenderon. Esta cidade redescóbrese coa mirada de persoas que a aman, que a coñecen e que che fan ver cousas que están aí, pero que no día a día non percibes. Pero Isaac Díaz Pardo impactoume moito, porque me parecía un home moi serio e resultou ser unha persoa amable e campechana. -¿Que representa para un profesional da radio ver editado o traballo feito a micrófono aberto? -Fíxome unha ilusión tremenda. O máis sorprendente foi ver as palabras, as voces rexistradas, impresionadas en papel, as palabras presas en negro sobre branco. Non contaba que fora tan satisfactorio o libro. Debe ser como ter un fillo, ben..., non sei, porque este parto foi sen dor. Están transcritas tal cal se fixeron, como se emitiron. Están en versión orixinal. -¿Conserva as gravacións das entrevistas? -Procuro gardar sempre copia das entrevistas, e máis neste caso, que eran para un programa concreto e non por feitos puntuais. Pero o material do libro procede do arquivo da emisora, que foi co que traballei para transcribir. -¿Sempre fixo radio? -Empecei a traballar neste medio hai xa doce anos. E son un home afortunado, porque a radio é o que quixen facer dende que era neno. É apaixonante, o que me compensa calquera outra eiva. Eu non quero pensar o que sería de min se un día teño que deixar de facer este traballo. Fundación Caixa Galicia.