O Auditorio de Galicia é un contenedor no que ademais de espectáculos musicais e escénicos teñen cabida importantes exposicións de artes plásticas, un capítulo no que os gastos diminúen cando as producións propias se reducen a unha ou dúas ao ano e as demais montaxes son paquetes que lles chegan da man de entidades privadas ou públicas. O certo é que a programación cultural, malia colaboracións con distintas iniciativas, céntrase no Auditorio e no Teatro Principal. Neste último teñen cabida as actividades cinematográficas e teatrais, ademais de festivais musicais de pequeno formato coma o de Zarzuela e de canción lírica ou lied, organizados pola Sociedade Galega da Lírica Teresa Berganza e patrocinio privado. O Auditorio é o buque insignia, e o seu programa estrela é a tempada de concertos de abono, que ten o eixo principal na Real Filharmonía de Galicia, orquestra de titularidade autonómica residente neste centro. A relación é boa, de reciprocidade, porque o Auditorio non lle paga os concertos nin lle cobra aluguer, aínda que a orquestra ten que pagar os gastos polo uso das instalacións e dos concertos, como notas e edición dos programas, augas que beben ou afinación do piano. Tamén gañou un posto no firmamento o ciclo Sons da Diversidade, que en ningún caso recada o caché de artistas como Milanés ou Goran Bregovic.