O CDG abre a súa programación anual esta noite coa estrea de «Illa Reunión»
SANTIAGO
O Centro Dramático Galego (CDG) abre esta noite a súa programación do 2006 coa estrea de Illa Reunión , que poboan catorce actores, bailaríns e músicos nunha representación coral na que os seus intérpretes comunican historias reais, propias e alleas, fundamentadas nos sentimentos contraditorios desatados por viaxes transcendentais nas súas vidas. A acción desenvólvese nun espaco escénico diáfano no que cobran gran protagonismo os matices da iluminación de Baltasar Patiño. A de hoxe será a primeira das tres representacións de estrea que o CDG ofrecerá no Salón Teatro (hoxe e mañá ás 21 horas e o domingo ás 18.00), onde permanecerá ata o 2 de abril con cinco representacións semanais de mércores a domingo. Logo iniciará unha xira por Galicia. Illa Reunión e A cabana de Babaiagá , obra infantil que se estreará o martes en Ferrol, son as dúas primeiras producións da compañía pública galega na súa nova etapa baixo a dirección de Ánxeles Acuña. Illa Reunión ofrécese no Salón Teatro ás 21 horas. A entrada nas sesións de estrea é por invitación.