Análise
02 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A Cidade da Cultura está sitiada, e non polas grúas e andamios nin por inimigos armados. Os que tratan de cercala son os intereses encontrados que suscita un complexo arquitectónico desmesurado e desmedido, que hai que aceptar como unha herencia envelenada e que hai que desintoxicar. Os pasos da Consellería de Cultura foron firmes e coherentes, e despois de conseguir o acordo coas empresas para suspender as obras de dous edificios abre o proceso final de propostas para definir dunha vez os usos que terá o conxunto de edificios. E pode que aí empece unha batalla floral na que Ánxela Bugallo terá que quedar de raíña indiscutible. Polo de agora só transcederon as liñas das propostas elaboradas a petición do presidente da Xunta e da conselleira de Cultura, respectivamente, ao Museo do Pobo Galego e ao Consello da Cultura (CCG). E non parece que vaian chocar coas directrices que marcou o departamento de Ánxela Bugallo para delimitar o debate que deberá concluír en setembro. As ideas do equipo de expertos montado a petición do alcalde compostelán son un segredo e, malia que se desnorten moito e se confundan de país, pode que non se desvíen demasiado dos obxectivos culturais que ten que propoñerse Galicia. Sería imperdonable, porque para proxectos fóra de punto e pretenciosos xa tivemos abondo, e do que se trata é de desandar ese camiño. O que xa non ten sentido é gastar inutilmente cartos públicos. A proposta de Sánchez Bugallo haina que pagar. A do Museo do Pobo ten un coste cero, e a do CCG nos pasa dos gastos.