O TINTEIRO | O |
18 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.NESTES ÚLTIMOS días veño de recibir moitas queixas de amigos de Compostela que viaxan a Madrid con Iberia e que teñen que usar a famosa Terminal 4. Estáse a falar moito do que piden os cataláns e ninguén repara nun feito importante. Madrid, a capital, vén de gañar unha inversión de 6.200 millóns de euros (pagada por todos nós) para a construción da nova infraestructura de Barajas. Ese proxecto, inicialmente, presupostouse en 1.200 millóns de euros, pero unha mala xestión pública encareceuno ata multiplicar a cifra por seis. Fálase de que eses cartos asignados á capital teñen un fundamento estratéxico para captar tráfico aéreo, pero na medida en que non se inviste nada noutros aeroportos importantes xenéranse discriminacións considerables con cidades como Barcelona, Sevilla ou Valencia. Algúns informes din que a T4 producirá máis do 5% do PIB da comunidade de Madrid. O resultado é que tras unha inversión descomunal estanse a producir retrasos, cancelacións e perda de voos pola mala conexión da terminal co resto do aeroporto. A nós, dende Compostela, tócanos aturar esta desfeita.