A muller, a artista e o mito

Concha Pino SANTIAGO

SANTIAGO

Crónica | Clausura da exposición de Frida Kahlo A mostra sobre a artista mexicana, aberta na Fundación Caixa Galicia durante os tres últimos meses, foi un acontecimento sociocultural que atraeu a miles de persoas

30 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A pegada da artista mexicana Frida Kahlo hai tempo que se estendeu polo mundo adiante como un icono da arte feminista e do compromiso coa cultura indíxena. Agora quedará como un fito destacado na historia da Fundación Caixa Galicia, porque a exposición dedicada a esta creadora que trouxo de México bateu todas as marcas de visitantes rexistradas por esta entidade: 116.000 ate este domingo último, das que só arredor de 5.500 foron alumnos en grupos organizados. A montaxe que reúne 26 óleos, fotos e debuxos da relevante artista, ademais de elementos que ela atesouraba da cultura indíxena como as figuriñas que dan conta do arraigado culto á morte na cultura mexicana, inaugurouse o 28 de outubro pasado, e despídese hoxe despois dunha prórroga de dúas semanas, debido a que as fileiras de xente agardando para entrar sucedíanse sobre todas nas fins de semana, e acumulábanse as peticións de visitas guiadas. A falta dunha explicación por parte dos responsables da Fundación Caixa Galicia, as causas polas que a exposición foi un acontecemento son tan variadas como subxectivas. O bombardeo de propaganda que fixo a entidade desta mostra foi grande, pero pode que non superara ao doutras propostas. A cuestión é que esta tivo un eco que desbordou calquera previsión. Aínda que Frida Kahlo ten acadado un posto no olimpo das deusas feitas de barro por méritos propios, e que o seu mito artístico e persoal (o sufrimento físico, o entorno político e o tormentoso matrimonio co tamén artista Diego Rivera) traspasou fronteiras, na popularización da súa persoa tivo moito que ver o rebumbio mediático da película sobre a súa vida, máis pola actriz que a ía encargar (Salma Hayek ao final) que pola súa obra. Moitas persoas tamén se sentiron frustradas ante a mostra, que agardaban máis ampla. Pero a arte de Frida era ela mesma.