«Bugallo éche moi pillo»

Xosé Vázquez Gago
Xosé V. Gago SANTIAGO

SANTIAGO

Entrevista | Aniceto González Ríos Durante 27 anos traballou para a administración local. É fan do Real Madrid e confesa que cando os ve xogar «e coma se estivese a ver a guerra Irán-Irak»

20 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Aniceto González Ríos naceu en Trazo hai 65 anos. Tivo unha vida moi movida. Emigrou a Uruguay en 1959, logo voltou a España e casou coa súa muller, con quen leva toda a vida. Estiveron de novo en Uruguay, onde tiveron unha nena e logo marcharon a París, onde tiveron un neno. Finalmente, voltaron a Galicia e montou un negocio. Despois dun ano deixouno e fíxose uxier do Concello, un posto no que botou 27 anos. Xubilouse o 2 de decembro entre as mostras de cariño dos seus compañeiros e dos arquitectos e responsables da Oficina de Rehabilitación de Cervantes, onde traballou nos últimos tempos. -¿Que vai facer agora que está xubilado? -Pois vivir ben a vida. De feito, dende que o deixei, engordei sete kilos. Eso si, quero ir a Brasil porque teño alí familia. Pero hai varios costumes que non penso variar: todos os días a miña muller e máis eu damos un paseo longo por Meixonfrío. Tamén seguirei botando a partida de cartas de todos os días ás dez da noite no bodegón. É algo que xa ven de moitos anos e non vou a deixalo. -¿Non ten outros vicios? -Pois non. Non fumo, nin bebo. Os únicos vicios que teño son esas partidas e o Real Madrid. -¿Gústalle o Real Madrid? -Encántame. Cando vexo xogar ao Madrid é coma se estivese a ver a guerra Irán-Irak. Cando gañaron a Copa de Europa con aquel equipo alemán -Bayer Leverkusen- pensei que me daba algo. De feito, boteime á rua a festexalo cando rematou o partido. -Non será tan siareiro no estadio. -A verdade é que só os vin no campo unha vez en Montevideo. Xogaban Di Estefano, Puskas... Eu tiña dezanove anos e encantoume. -¿Con cal dos concelleiros se traballa mellor? -Pois a verdade é que con Mercedes Rosón estaba encantado e moi contento. E ollo, que non é por facerlle un desprezo a ninguén que todos foron sempre xente moi amable, pero deixar de traballar con Mercedes foi rematar cunha flor. Sempre tiña un detalle e saudaba a todos os traballadores, incluso pediu un radiador para o meu posto cando comezou o frío. Eses detalles que tivo agradécense moito. -Se segue, a oposición vai ter ciumes. -Non, non, non. Non é política, trátase do persoal. Xa lle digo que todos me trataron moi ben, os de un partido e os de outros, pero o trato que nos deu Mercedes foi magnífico. -Ben, ¿e con quen se traballa mellor, con Bugallo ou con Estévez? -Pois moi ben cos dous, aínda que son diferentes. Estévez era máis serio e máis duro que Bugallo, non lle podías dicir que tiñas que ir ao dentista para non traballar porque non o aturaría. Agora ben, Bugallo éche moi pillo, é capaz de botar un discurso de dúas horas sen estar lendo nin un papel. -Polo que conta, o Concello vai de maravilla dende hai anos, vainos dar envexa. -Home, o certo é que nunca traballei tan ben como alí e non recordo que houbese grandes problemas. Pero tamén ten os seus malos tragos. Hai anos, levabamos as multas á casa dos rapaces que collían con droga, por exemplo. É moi duro recibir unha de esas cartas, pero tamén é duro para quen as leva.