Reportaxe | Curso pioneiro en Compostela O primeiro curso de galego para inmigrantes finaliza mañá. Tivo once participantes, que coinciden en valorar a utilidade de aprender o idioma do país
17 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.?ove cidadáns de Sudamérica (4 de Arxentina, 2 de Cuba e os outros de Venezuela, Uruguai e Chile), unha búlgara e unha filla de emigrantes galegos nacida en Holanda, participaron no primeiro curso de lingua e cultura galegas para inmigrantes celebrado en Compostela. A Concellaría de Política Lingüística organizou esta actividade pioneira, e o alumnado coincide en valorar positivamente os coñecementos, pois consideran que os axudarán para conseguir unha mellor integración na sociedade de Compostela. As actividades comezaron en outubro. Foron ministradas os luns, mércores e venres, de 12.30 a 14.30 horas. O Concello adxudicou o curso á empresa Reverso, especializada en servizos lingüísticos. Os filólogos Raúl Piñeiro e Conchi Diéguez; e Richard Rivera, licenciado en Historia -tamén fillo de emigrantes galegos, retornado de Francia- introduziron os once estudantes, a maioría mulleres, no vocabulario máis frecuente, e tamén os familiarizaron coa historia da cidade e da comunidade galega. A maioría asistiron a todas as sesións. Os máis veteranos residen na cidade hai tres anos, e o máis recente leva aínda poucas semanas. Todos afirman que en Compostela escoitan moito galego, máis que en Vigo, A Coruña ou outros lugares, segundo os que máis se moveron. E todos se inscribiron no curso por entender que é positivo saber galego para encontrar un traballo, ou para mellorar. Raúl Piñeiro e Richard Rivera indican que sería de maior interese contar tamén con alumnado autóctono. Porque hai galegos que, residindo toda a vida aquí, teñen un «descoñecemento esaxerado» da propia realidade. Richard, que traballa como guía turístico, ten verificado como moitos veciños de Santiago coñecen pouco da historia da catedral, das principais ruas, e outros detalles da historia local, que os once inmigrantes aprenderon nestas semanas. Estes cidadáns de pasaporte estranxeiro saben agora facer un currículo en galego; entraron en páxinas de Internet que informan de posibilidades de emprego, cultura ou formación na lingua que aprenderon; ou contactaron coa Biblioteca Xeral da USC e outros centros, e saben como aproveitar os seus recursos, entre outras oportunidades que lles achegou este curso. Mañá avaliarán a actividade na sesión de despedida. Agora falan galego sen medo. E ven o idioma para se desenvolveren no país, onde se usa hai máis de mil anos, cando aínda non se coñecía da existencia dos países de onde son a maioría deles.