A que ceo se refire

CAMILO FRANCO

SANTIAGO

CRÍTICA | O |

10 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ENTENDO que hai días que un se pon a camiñar e as cousas non parecen as mesmas de sempre. Quizais sexa esa a tentativa última de Carlos Reygadas en Batalla en el cielo . A película non é mala. Ten unha intención extraña e descolocada que calquer gurú da posmodernidade podería sinalar como outro sinal máis da confusión dos tempos. Reygadas ten vocación de alterar algunhas reglas narrativas e, por si mesma, a intención hai que valorarlla. É certo que pon os ollos onde ninguén os pon e que tampouco semella moi preocupado polas preguntas que despertan no espectador os flecos que a súa historia non deixa resoltos. A narración inconstante e algunhas portas que abre pero non conducen a nada poden ser interpretadas como un novo pulso para contar. Pero tamén poderían ser atribuídas a unha falta de firmeza e claridade na historia que pretende facer chegar ao público. A pausa e os silencios son recursos que tampouco Reygadas parece manexar con naturalidade. Hai intención de utilizar os implícitos como un arma de suxestión. Pero a suxestión non acaba de saír da pantalla. Os explícitos son menos e mesmo poderían dar moito que falar entre un auditorio católico, pero para a historia o asunto do francés en vivo ten un valor relativo. Tampouco está mal acabado: o sexo está rodado nesta película como todo o resto, con esa mestura de distancia, vocación de frescura, certo canto amador, e unha inxenuidade que debería ser tomada como sinceridade. Pero non.