Monte Gaiás

SANTIAGO

O TINTEIRO | O |

26 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTASE A falar estes días moito da Cidade da Cultura: durante meses e meses, con Fraga na Xunta, apenas se escoitaron voces críticas, que agora parecen medrar ceibes e cargadas de poderosas razóns. Moitos cidadáns nunca souberon ben que leria era esa e para que se invertían tantos miles de millóns, pero o forte liderazgo de Fraga e o respaldo social á súa figura conferíanlle ao proxecto unha certa imaxe de progreso urbán que se esvaeceu coa súa saída do poder. Desaparecido ese efecto, a realidade amosa a Touriño e a Quintana moi lonxe da modernidade e diante dun campo de leitugas, pero perfectamente minado polo anterior executivo autonómico. A día de hoxe, só o localismo máis primario e quen de defender esa sorte de futuro museo da nada que agora hai que encher de contido, como se fose o cuarto trasteiro no que colocar as vellas caixas. Os expertos que agroman como os fungos no outono aportan solucións parciais que non resolven o grave problema que hai diante da mesa: miles de millóns comprometidos sen volta atrás e sen saber realmente para que. Laiarse dos erros pretéritos non conduce a ningures. É certo. Por iso convén sacar algunhas conclusións desta historia para o futuro: máis que atopar as receitas para o complexo do Monte Gaiás, que debe facerse, Galicia debería aprender outras leccións que van alén do material e que teñen que ver co funcionamento da democracia, que é algo máis importante do que parece. Os gobernos en funcións nunca deberían ter a capacidade de antepoñer intereses persoais e de partido por riba dos da cidadanía. Isto vale para a anterior Xunta do PP e a Cidade da Cultura, pero tamén para moitos concellos gobernados polos tres partidos. Por iso, eu propoño para o Monte Gaiás unha cidade que teña música, baile, biblioteca e un gran arquivo. Pero tamén un pouco de cultura democrática.