Cazadores/as

XOSÉ VALIÑA

SANTIAGO

A XESTA | O |

04 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A MULLER está no exército, na policía e na garda civil. Xa chegou a oficial de Marina. Abondan as armas nos ombreiros femeninos, unha imaxe difícil de dixerir polo oficialismo hai unhas décadas e hoxe espallada polo orbe. Á mínima, aparece un ánxo de charlie nas nosas vidas. Xa dicimos que as mulleres con carácter son de armas tomar. E as están tomando. Por iso sorpréndeme que nunha actividade de ocio tan enraizada por estes pagos, como é a caza, a virilidade sexa a nota dominante. Vexo partidas de composteláns regresar (non os vexo ir, que ás seis da mañá as sabas mandan) os domingos ao serán de longas xornadas polos montes do entorno, con deliciosas pezas nos maleteiros, cansos e felices. Ningunha face femenina, nin en silueta. Non hai máis cazadoras que as prendas, con denominación femenina. As licencias de caza só teñen caras varonís debaixo do tampón. Alégrome de que as mulleres non teñan invadido este masculinizado ámbito, non por non discriminalas unha vez mais, senon porque non son aficionado nin amante da cinexética. Creo que este appartheid non é dos máis penosos. Participei un día, por montes de Sigüeiro e arredores, nunha partida de caza que se desenvolveu na maior das camaraderías e solidariedade. Quería ver como era o invento e suei a cachón os inextinguibles kilómetros entre matogueiras, coa vista posta na decena de canóns apuntando a supostos tobos por se algún se desviaba máis do necesario. Non disparei un so tiro, porque non levaba escopeta. Ao final collín un arma prestada e apunteille a unha botella de plástico recén consumida. Atineille á árbore máis próxima, a cinco metros da Mondariz. Pero neste caso non teño nin o consolo de dicir que o principal era participar, porque perdín as ganas de facelo esmagadas polos tres raposos esburacados que se cruzaron no camiño. Débil que é un.