Borrosa

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

01 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

DENDE esa factoría intelectual que florece en San Marcos -o Instituto Galego de Información-, o historiador Alfonso Mato, de cotío «empapelado» en bibliografías, pasoume un libro abondo singular, intitulado Galicia borrosa, publicado en 2004 nos Cadernos da Área de Pensamento do Seminario de Estudos Galegos, SEG. O seu autor é Santiago Lamas Crego (Pontevedra, 1944), xefe do servizo de Psiquiatría do complexo hospitalario de Ourense, quen xa tiña publicados varios traballos da súa especialidade. É un libro sen capítulos definidos. Para arredar uns temas doutros empregouse un asterisco, que nos lembra o deseño dos vellos aforismos e greguerías, inda que nesta Galicia borrosa esas ideas son máis longas e especulativas, menos humorísticas e categóricas. E ben alicerzadas. Trátase dunha escrita sólida, que usa coma esteos máis de trescentos libros, froito da creatividade de moitos autores recoñecidos, de dentro e de fóra do noso país. Hai moitas lecturas remoídas detrás desta neboeira. A Santiago Lamas gústalle reflexionar sobre temas coma os trazos identitarios dos galegos -xa no comezo anúncianos: «Galicia borrosa: un ensaio borroso» (p. 7)-, o noso imaxinario social, o nacionalismo, o idioma,... con moito de antropoloxía, ensaio sobre a Galicia autonómica, o rural e urbano, medio ambiente, medios. Velaquí outro comezo suxerinte: «Suponse, supoñen ou supoñemos, que en Galicia os discursos son 'borrosos'. As cousas son sempre asegún, como dicía Risco e enfatiza Marcial Gondar (...)» (p. 32). Ou o que nos fala da aplicación do clásico Complexo de Polícrates ós galegos (p. 53). Mato poñíame unha nota manuscrita: «Espero que che guste». Claro que si. Agradécese unha boa ración de pensamento con peso, no océano de tanto histrionismo edulcorado ou facilón. Que o SEG esvaeza moitas destas brétemas.