Segunda B

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

06 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

VÍVESE neste verán en Negreira un certo aire optimista, motivado por un acontecemento deportivo, de sobra coñecido nestas calores agostas: a S.D. Negreira, un club fundado hai 40 anos, xogará na Segunda División B do fútbol hispano. A ledicia contaxiou a amplos sectores dos ámbitos local e comarcal. Foi toda unha fazaña no plano deportivo, nun Concello da Galicia rural que lle fai as beiras a acadar os 7.000 habitantes. ¡Upa Negreira! A meu irmán Manolo lévalle moita idea. Inda lembro cando na primeira mocidade pasamos xuntos unha noite nas urxencias hospitalarias, en observación, logo de se conmocionar nun partido que xogara na Baña. Agora asumiu este traballo extra e vaino seguir levando con ilusión dende a presidencia da entidade. Porque sabe que conta co labor compartido dunha xeitosa xunta directiva e cos alicerces económicos precisos, que non son poucos. Esta é a Negreira que nos gusta. A que racha coa frialdade e as brétemas e aposta por moitos porvires, que inclúen tamén o fútbol. Fútbol, máis deporte, máis economía, máis cultura, máis política... todo harmonizado e aloumiñado farán desta bisbarra unha terra máis próspera e ben encarreirada.