Crónica | Campionato de Chave As mulleres competiron por primeira vez na fase final da liga dun deporte ancestral no que até agora só participaban homes
21 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Na casa de Pili e de Conchi había unha eira na que se xogaba á chave. E de cando en vez, «pero nunca en serio», como dí unha delas, teñen tirado a darlle á peza de ferro de indescriptible forma que é o obxecto central deste ancestral deporte popular galego. Pero onte competiron por primeira vez na Alameda, na final da liga que se celebra dende hai 27 anos no marco das festas do Apóstolo. A decisión da Asociación de Xogadores de Chave de Santiago de convidar a sumarse ás mulleres ao campionato é unha proba irrefutable de que as cousas cambiaron moito. Onte, primeira das tres xornadas, participaron dúas parellas con idades entre os 20 e tantos e por riba dos 45 anos. A formada por Conchi y Pili sumou 14 chaves e a de Patricia e Carmen fixo 8. Hoxe compiten outras dúas parellas e mañá as tres restantes das sete que se anotaron. A que máis chaves sume será a vencedora deste torneo piloto, e levará o trofeo para esta categoría femenina experimental. Máis cerca Pero o ano que vén o campionato será mixto de verdade, é dicir, con parellas de homes, de mulleres e de mulleres e homes. Porque a ventaxe que lles deron nesta primeira vez, marcándolles unha distancia de tiro de dez metros en vez dos 14,20 do reglamento, non lles vai facer falta porque, como explicaba onte Conchi, «só entrenamos un mes, pero agora ímonos preparar todo o ano, xogando partidas regularmente e agardando que o Concello constrúa o desexado pavillón no que poder xogar tanto se chove como se fai sol, e para que se anime a participar máis xente, homes e mulleres». Un veterano xogador de chave que estaba onte entre o público dicía, gratamente sorprendido cando veu o estilo e bo facer das xogadoras: «se non o vexo non o creo». Algo de forza fai falta, porque o peso co que se tira é de medio quilo, pero o principal «é ter control e habilidade», como sinalaba unha xogadora. E ás mulleres sóbralles diso.