San Benito vendeu os pitos

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

SANTIAGO

En directo | Poxa popular en Herbón Na igrexa do convento oficiáronse misas en honra do santo e O Farruco renovou a tradición da subasta dos polos

11 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

? calor acompañou un ano máis á popular celebración do San Benito de Herbón, de modo que onte esta parroquia de Padrón e, especialmente, o entorno do convento dos Padres Franciscanos, semellaba un auténtico invernadoiro. Aínda así, a procesión de fieis renovouse ao longo de toda a xornada, movidos pola fe nun santo milagreiro para todos eles. Dende primeiras horas da mañá e ata ben acabada a tarde, a igrexa do Convento oficiou misas para os devotos ofrecidos, entre eles os propios veciños de Herbón, que onte apuraron a recollida do pemento para disfrutar dunha xornada de festa. Tamén os veciños, na súa maior parte, protagonizaron unha das tradicións máis chamativas do San Benito: a poxa dos pitos que ofrecen aos fieis ó santo para que atenda as súas plegarias. Centos de aves enchen cada 11 de xullo o galiñeiro do convento e, unha vez rematada a misa solemne, son subastados a modo de esmola. O veciño apodado O Farruco sóbese ao altar que hai na zona do convento coñecida como San Juan e comeza o espectáculo. Os pitos póxanse de dous en dous, mesmo tres se son moi pequenos, tres euros, catro, cinco... así ata que a aposta máis alta gaña. Moitos fieis nin siqueran queren levar as aves senón que pagan puntualmente o prezo da poxa e piden que se volvan a subastar. É a particular maneira de dar esmola de moitos devotos a San Benito. Por suposto, non faltan os piques sanos entre uns e outros e que sempre se saldan con risas e pagando un ou dous euros máis polo pito. A poxa é todo un disfrute sobre todo, para aqueles de fóra que asisten a unha tradición tan antiga coma a festa, sen contar para os Padres Franciscanos que recollen as esmolas.