Lugrís

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

04 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

FALÁMOLO nunha tarde destas o meu amigo de vello Miguel Anxo Seixas e mais eu, na terraza de La Bodeguilla de San Roque, en Compostela: sería moi propio que no 2006 o Día das Letras Galegas se lle dedicase a Manuel Lugrís Freire (Sada, 1863 - A Coruña, 1940). Ben o merece. Dixémolo porque concorren varios factores neste polifacético escritor e animador cultural coruñés. No 2006 a Real Academia Galega celebrará o centenario da súa fundación. Por isto, o vindeiro 17 de maio sería atinada a homenaxe a un dos seus homes destacados. Manuel Lugrís dirixiu esta Academia da Lingua no bienio 1934 - 1935. E outros históricos presidentes da RAG xa foron recoñecidos co Día das Letras en anos recentes: Manuel Murguía (2000) e Eladio Rodríguez (2001). Lugrís Freire foi dramaturgo, poeta e ensaísta. E tamén emigrante en Cuba (onde fundou o xornal A gaita gallega , 1885), activista de Solidaridad Gallega e das Irmandades da Fala, membro do SEG, autonomista... Nin o Seixas nin eu somos académicos da RAG (nin académicos de nada). Pero si militantes no feito cultural galego. De que excentricidades falamos, tomando uns refrixerios, nunha tardiña con calor en Compostela.