O FIADEIRO | O |
28 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.XA ANTES da nova do adianto electoral autonómico ó 19 de xuño asistimos á presentación do libro Galicia 21. Reflexións e propostas da Fundación Iniciativas 21 para a Galicia que vén. Un amplo e cualificado equipo humano, con profesionais prestixiosos en diferentes eidos, realizou esta tarefa de deseño para o presente e futuro do noso país. A moitos dos redactores deste voluminoso Galicia 21 atopámolos nese acto optimista celebrado en Compostela o pasado 2 de abril. Ben está que, dende distintos ámbitos, se reflexione con fondura sobre o hoxe e o mañá da nosa terra. «Sempre souben que a terra de meus pais era un país», escribira Lorenzo Varela, poeta do compromiso e do exilio. As propostas teóricas e prácticas deste libro abranxen as áreas esenciais para o goberno de Galicia, en clave de socialdemocracia e galeguismo federalista. Esta é a oferta que os diversos grupos de traballo lle fan a un PSdeG-PSOE que debe apostar por afirmar a súa identidade, con máis raizames autóctonas, e que tal vez proximamente terá que lograr unha entente cordiale ou sa harmonía co nacionalismo democrático do BNG. Ou iso ou o cambio será case nada. A Fundación Iniciativas 21 verteu debates e esforzos nesta obra. Cumpriu ben co seu labor.