Crónica | Promoción da literatura na véspera do Día das Letras Galegas O Concello e o Movimento en Defensa da Lingua poñen en marcha o Bookcrossing,o sistema para ceibar libros como quen os perde para que outros os lean e sigan o proceso
16 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Se hoxe ou nos vindeiros días atopa un libro nun banco da Alameda, de Bonaval ou de calquera outro espazo público, e ata pode que en calquera café ou pub da cidade, mire se leva na portada ou no interior unha etiqueta que di Bookcrossing . Se é así, o libro non está perdido, non se lle esqueceu alí a ninguén. É un libro liberado. Porque existe un sistema internacional para ceibar literatura, para que os libros circulen, pasen de man en man sen que lle custe nada a ninguén. O truco está en ceibalo outra vez cando vostede o lea, ou se cando lle chega xa o leu. Unha páxina web (www.bookcrossing.com) é o punto de encontro para integrarse nesta rede e informarse dos pormenores. O sistema está en marcha en Compostela dende onte. A Concellaría de Política Lingüística, co obxectivo de promover a lectura e contribuír á normalización da lingua galega, colabora co Movimento en Defensa da Lingua na posta en marcha da iniciativa, que non por coñecida é menos novidosa: o arranque do Bookcrossing Compostela. Botou a andar onte na praza das Praterías, véspera do Día das Letras Galegas, cunha lectura pública na que participaron persoas representativas de distintos eidos da sociedade compostelá, que leron un poema, un relato ou un parágrafo dunha novela escollida entre os 175 libros en galego e en portugués (porque a proposta tamén pretende familiarizar á sociedade coa lingua do veciño país) liberados polo Movimento en Defensa da Lingua, ou calquer outro que estas persoas trouxeron da súa casa para deixalos libres e que siga a súa viaxe. O acto público, no que participaron varias ducias de persoas ata que a luz do día o permitiu, empezouno Manuel Portas, concelleiro de Política Lingüística, coa lectura dun parágrafo da novela Scórpio , de Ricardo Carballo Calero. Seguiron lendo os concelleiros Néstor Rego e Elvira Cienfuegos, que optaron por poemas de obras promovidas polo Concello; a cantante Uxía Senlle, que leu un poema de Manuel Antonio; o libreiro Antón Pedreira, o profesor Ubaldo Rueda, que se sentiu na obriga de escoller unha novela premiada co San Clemente, e leu un parágrafo de Resistencia , de Rosa Aneiros. Seguiron a dirixente agraria Lidia Senra, que optou por uns versos de Manuel María; Alemao, o deportista brasileiro de fútbol sala que xoga no Lobelle; escritores como Antón Cortizas, Raquel Miragaia, Anxos Sumai e Manuel Sarille, entre outros. E persoaxes composteláns como Xosé Otero Pombo, que escolleu dun libro de Manuel Rivas un texto que fala da maneira de traballar dun obreiro galego da construción. E todos e cada un quedaron liberados. O que ninguén contou e onde será a solta de libros, que se fará demoradamente en toda a cidade, en diferentes puntos e lugares insólitos ou familiares. Así de fácil. Vostede non dubide en collelo se leva a etiqueta da que falabamos ao principio, e se ten acceso a Internet conecte coa páxima internacional deste círculo de lectura plural, aberto e xeneroso. As claves son tres: Ler un libro, rexistralo acompañado dun comentario se así o desexa, e logo de conseguir o seu número de identificación e de etiquetalo, liberalo nun café, nun banco ou ao pé dunha escultura pública.