O FIADEIRO | O |
30 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.DENDE as páxinas deste xornal temos pedido en varias ocasións a construción da novísima Ponte Maceira, en diferentes artigos e datas, xa a partir da década de 1980. Inaugurouse esta obra no pasado xaneiro do ano que corre, xusto un século despois da estrea da ponte anterior, que agora quedou xubilada e aliviada do paso e peso de tanto tráfico. Tamén nos temos referido na prensa á estreitura da Ponte Insua, que segue a ser un tapón nas conexións barcalesas co mar, a través de Urdilde e Noia. ¿Hai proxectos de reforma deste paso tamén sobre o Tambre, entre Logrosa e Ons? Nestes meses tamén ouvimos novas ó redor da chamada variante de Negreira, que circunvalará a vila, dende A Barquiña ata Moldes. E sobre a primeira fase da tan necesaria nova estrada entre Negreira e A Ponte Nafonso, que tamén nos achega ó mar e ó progreso. Sería desexable que se acurtaran os prazos nestas dúas vías, cun deseño que resulte funcional e xeitoso. De todas formas, a nosa rede de comunicacións inda precisa de estradas do século XXI entre Negreira, A Baña, Santa Comba e Val do Dubra, mudando as actuais arterias, vellas e escleróticas.