ANOS DE GRAZA
16 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NUNCA GOZAMOS as féminas de moito predicamento entre os homes en xeral e a Igrexa en particular. Eu mesma, por cometer adulterio que non era tan esaxerado nunha época (ata que o Papa botou o freo) na que os matrimonios entre parentes, vivir coa barragana ou repudar á muller lexítima para unirse con outra era cousa corrente, xa vedes que rematei exposta ao oprobio público sen que, pasados tantos anos, ninguén me perdoase. Os Pais da Igrexa consideraban o sexo como o peor dos pecados, merecente das maiores expiacións. E, como Deus creara ao home á súa imaxe e semellanza, a culpable de tantos males vai ser a muller, que tenta ao varón levándoo por mal camiño. Se repasades a Biblia, no Eclesiastés atoparedes sentencias deste calibre: «Máis amarga que a morte é a muller, que é unha rede de caza, os seus antollos son lazos e os seus brazos cadeas; quen é agradable a Deus líbrase dela e quen é pecador é cazado por ela». Toda unha declaración de principios. Tampouco quedaba curto San Paulo cando, na primeira carta a Timoteo, afirmaba que primeiro foi creado Adán e despois Eva. A Adán non o enganaron, pero a muller deixouse enganar e caeu no pecado A fobia masculina contra nós obsesionounos ata o punto de pensar que, polo só feito de ter nacido mulleres, eramos un continuo perigo, de aí a prohibición secular de impedirnos vivir soas, nin sequera estando ocupadas en traballos dignos (costureiras ou labregas) que, tal como andaban os tempiños, era moito o labor e pouco o beneficio, así que as pobres mulleres chegaban á casa baldadiñas e con pouca ansia de diversión, contodo, o noso Concello, encargado de vixiar a moralidade pública, non daba abasto publicando ordenanzas, como as dictadas no ano 1775 que somentes permitían ás mulleres vivir na compaña dos pais, irmáns, tíos ou parentes, so pena de abandonar a cidade se pretendesen vivir soíñas.Tampouco podían ser taberneiras nin ter tenda de comestibles. Pero vese ben que os homes si tiñan gana de leria, por iso as ordenanzas de 17 de abril de 1564 mandaban que ningún home ou mancebo, clérigo ou leigo, podía andar tras das mozas cando ían lavar ao río, porque se arriscaba a ser levado polas rúas da cidade sometido á vergoña pública e a pagar mil maravedís. Pouco efecto tivo a orde, que se repite en outubro do mesmo ano, con castigo de dez días de cadea e cen azoutes no caso de reincidencia. Houbo que volver a promulgala en 1569, condenando ao home atopado nesa situación a dez días de cadea e seiscentos maravedís de multa. Tamén se prohibía ás mulleres solteiras ter casa sobre si, poñer tenda, tratar con ninguha mercadoría ou alugar cama a mozas, pois serían abidas por alcaiotas e castigadas con pena de trescentos maravedís, dez días de cadea e un ano de desterro. Un trato distinto dispensábaselle á prostitución. O Concello, formado por homes, practicaba a dobre moral e, por unha banda, non a prohibían e, pola outra, querían mantela lonxe das xentes de bo vivir. Xa en 1523 acordou ir ver o Outeiro de Santa Susana, extra murallas, por se fora dabondo folgado para facer unha casa de mulleres. A preocupación debía ser grande cando, en 1562, determinan os munícipes visitar un sitio abaixo da Porta Faxeira para facer unha mancebía, dada a necesidade que dela había polos moitos danos que a súa carencia ocasionaba á república. Para curar os males venéreos estaba o Hospital de San Roque. Pasaron os séculos, caíu a muralla e as casas de lenocinio estendéronse pola cidade (vella, naturalmente, porque outra non había). No ano 1886 Compostela contaba con nove casas toleradas para exercer a prostitución, ubicadas nas zonas de Santa María do Camiño, San Fructuoso, San Bieito, Entrerrúas¿ pero onde se concentraba este antigo oficio era no Pombal e na Conga. Xa o dicía San Xerome: Amor mullieris inferni comparatur. aldonzadepraterias@yahoo.es