En dos minutos | Miguel Allo e Verónica Codesal LÍDER E VOZ DO GRUPO CAMAXE, CREADO EN BRUXELAS E QUE ACABA DE SACAR O SEU PRIMEIRO DISCO Os dous son fillos de emigrantes galegos, pero mentras Miguel estrea grupo e disco, Verónica acadou sona ao representar a Bélxica en Eurovisión
14 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Miguel Allo e Verónica naceron en Bélxica, pero como fillos de emigrantes que son teñen o corazón repartido. As raíces galegas agrómanlles nunha vea artística forxada no folclore que aprenderon de nenos no centro galego de Bruxelas, onde se coñeceron. Ela voa alto dende hai algún tempo co grupo de pandereteiras Ialma, e coa banda Urban Trad, coa que participou en Eurovisión no 2003. El, técnico da radiotelevisión francófona, compón e creou Camaxe, grupo que leva o nome dunha praia da Illa de Arousa, onde están as súas orixes, co que sacou o seu primeiro disco, Imaxes . -Buscar distribución para o disco en España, e promocionalo para ver se nos contratan actuacións. En Bélxica, Holanda e Francia temos distribución. -¿Téñeno máis fácil no corazón de Europa porque está de moda o folk? -Non é cousa de modas. O folclore está arraigado e ten forza entre a xente nova, debido a que alí son moi habituais concertos de todas as músicas do mundo. É un país multicultural, pero é que ademais montan unhas festas que lle chaman Bal para tocar e bailar folk de calquera país. -¿Este disco é de folk galego ou mestizo? -Agás un tema, os dezaseis restantes compúxenos eu, inspirados na música tradicional galega, se ben teñen cabida sonidos novos, dende o jazz ao baixo. -Con músicos belgas. -E un bretón, o violinista Argouarc'h. Os arranxos son de Marc de Martelaer, baixista belga igual que o guitarrista, Filip Lambrechts; Sophie Cavez, acordeonista compañeira de Véronique que, ademais da voz toca a pandeireta; Ariàne de Bièvre, percusión;e eu, que toco as gaitas.