A XESTA | O |
01 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.MOITOS composteláns din que o único que lle falta a Santiago é o mar. Á falta de que o salgado océano pete ás nosas portas, temos que contentarnos con reflectirnos sobre tres leitos fluviais. O mar xurdía entre as faíscas de humor que agromaban nas vellas controversias capitalinas. Pero recentemente un tendeiro, vendo os efectos do tsunami, alegrábase de que a costa mariña mais cercana estivese a case corenta kilómetros. Para el, o Atlántico está ben onde está. De vantaxe pasou a inconveniente. E, por favor, que as catástrofes peláxicas só asomen nos Telediarios. Nós estamos lonxe. E lonxe vai quedando tamén a fin de semana onde un fato de oenegés difundiron ós catro ventos, dende o paseo da Alameda, as mensaxes de paz e solidariedade. O malo que teñen os «Días de» e que só se quedan en «Días de», e mesmo houbo quen desfilou por diante dos postos informativos admirando as especies arbóreas do magnífico parque. Os tanxidos da pobreza, a fame, os kalasnikov e a miseria soan no alén. No aquén temos a oportunidade de laiarnos unha vez ó ano. Non sufrimos problemas de auga potable, e agora tampouco de auga salgada. Padecemos problemas de solidariedade, porque estamos lonxe.