Reportaxe | As diferencias entre Brión e Padrón Pilar Freire, profesora da Universidade de Santiago, revela na súa tese como influiron factores demográficos, económicos e culturais nas xentes destes dous concellos
29 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.A profesora de Historia Económica da Universidade de Santiago, Pilar Freire Esparís (A Luaña, 1963), tirou dos arquivos municipais e parroquiais de Padrón e Brión para tratar de determinar como os factores demográficos, económicos e culturais influén no comportamento da familia. O traballo ocupoulle arredor de dez anos e o resultado é unha tese doctoral que recibiu un sobresaliente cum laude polo seu rigor e profundidade no estudio dunha época en Galicia, dende principios do século XVIII ata a década de 1960. Baixo o título Familia, réxime demográfico e economía campesiña en Galicia nos séculos XVIII-XX. Dous modelos de evolución: Brión e Padrón , a tese pon de manifesto cómo no primeiro dos concellos houbo no período estudiado unha maior «complexidade familiar», entendida coma máis dunha xeración convivindo nunha mesma casa. Quizais porque Brión tivo unha actividade agraria máis marcada ca Padrón, concello que combinou as tarefas do campo coa industria manufactureira e incluso de servicios. Xunto coa maior complexidade familiar, Brión tamén se caracterizou por un sistema hereditario moi desigual, co modelo de «mellora forte» para o fillo que quedaba na casa. Asimesmo, a natalidade era reducida mentres se rexistraba unha forte emigración. Un segundo aspecto que destaca Pilar Freire no seu traballo é que o grupo do campesiñado non era homoxéneo, senón que existiu unha «forte xerarquización interna» de modo que había o campesiño propietario da terra e o xornaleiro que a traballaba. Esta diferenciación reflexouse na concepción das familias e, por suposto, nas estratexias. O estudio Pilar Freire elexiu o concello de Brión porque é a súa terra natal, aínda que agora reside en Liñares, no municipio de Rois. E decantouse por Padrón porque entendeu dende o principio que era un concello moi distinto ó de Brión. Ademais, ámbolos dous teñen un fondo documental importante e que foi fundamental para a tese, que tutelou a investigadora María Xosé Rodríguez Galdo. En canto ao sistema actual, a profesora de Historia Económica constatou que, en Brión, as modernas explotacións agrarias que lograron subsistir seguen a manter unha estructura familiar complexa, aínda que cambiou a función dos seus integrantes. Neste sentido, Freire fala de dous cambios. Por un lado, a cesión da xefatura ás xeracións máis novas e, por outro, a non permanencia na unidade familiar dos irmáns solteiros, algo sí habitual nos xornaleiros. Unha vez lida a tese o 12 de novembro, que en dúas semanas sairá á luz en formato cedé, Pilar Freire traballa en dúas comunicacións para congresos.