Perdas

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

É BEN certo que Compostela goza hoxe de mundial sona laureada por moitos e bos títulos: Cidade Patrimonio da Humanidade, premios Europa, pero ao longo da súa historia máis particular tivo outros méritos que foi perdendo co paso do tempo. Unha desas perdas foi a da Real Audiencia. Creada polos Reis Católicos en 1480, como parte do proceso de institucionalización da monarquía absoluta, do estado renacentista, centralizado, que reclamaba para si a administración da xustiza e todas as demais competencias en disputa cos poderes feudais. A devandita institución tivo unha curiosa vida errante, viaxando por varias cidades: Betanzos, Lugo, Padrón. En Compostela parou durante moitos anos, ata que o 15 de outubro de 1563, Felipe II ordeou o seu traslado á Coruña. Os nosos rexedores pelexaron para que a Real Cédula non se cumprise, alegando, entre outros, motivos tales como a maior seguranza, que a cidade contaba con boa infraestrutura -que se diría hoxe- para acollela, pois, ao existir moitas casas nobres e mosteiros que repartían a «sopa boba», os preiteantes sen medios de fortuna podían ir tirando en canto non se lles resolvían os asuntos que aquí os trouxeran, algo que non acontecería na sede coruñesa. Reparen en que case as mesmas alegacións fixo a cidade herculina catro séculos despois para que Compostela non fose capital. Ora ben, naquela circulou un ruxe-ruxe que apuntaba motivos moito menos prosaicos para o traslado e reducía a tirapuxa a unha cuestión de saias. É certo que entón as mulleres dos oidores, coa do Rexente á fronte, para estar cómodas e tamén por un punto de vaidade gustaban inmenso de chegar á catedral acompañadas de criados portando cadeiras e coxín que colocaban no presbiterio, onde se acomodaban para seguir os oficios. Pero un día entrou un prebendado moi apurado a recoller algo, con tan mala sorte que tropezou coas saias dunha das señoras e afuciñou diante do altar maior. O home non dixo ren, limitándose a facer a venia, pero ao día seguinte, deu ordes moi precisas de que as reixas do coro non se poderían abrir ata que empezase a función. Cando na ulterior solemnidade chegaron as donas dispostas a repantigarse no presenteiro, atoparon a grade pechada. Pasou o Cabildo e de seguida o damnificado pechou de novo a reixa, proferindo unha frase que se fixo célebre: «Aquí non entran máis saias que as nosas». Por iso algúns clérigos desta santa casa acolleron con alivio o traslado da Real Audiencia. Cando tornou, en 1573, as señoras continuaron coa teima de ocupar o lugar preferente, e o Cabildo, en 1590, logrou que se ditase unha Real Orde prohibindo ás mulleres o acceso ao presbiterio. ¡Uns machistas, va! A marcha definitiva Mentres tanto, a Audiencia seguía indo e vindo. En 1578 foise para A Coruña, onde permaneceu ata 1824, con numerosas ameazas de traslado entremedias; iso si, os que tiñan mando nesta sé sempre se opuñan, acordando facer todas as xestións posibles para conter «semexante novedad», contando co Concello como aliado, pois os munícipes tampouco eran moi parciais de que volvese, aducindo que o elevado número de xente que integraba o Tribunal ía provocar unha suba dos alimentos, amén de escaseza de vivendas. O 30 de novembro de 1833, procedeuse a unha nova división territorial e Santiago deixou de ser capital de provincia. Con tal motivo a Audiencia emigrou definitivamente á Coruña. aldonzadepraterias@yahoo.es