Preciosista lentitude

Camilo Franco SANTIAGO

SANTIAGO

Cineuropa | «Trilogy: Eleni»

23 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

É verdade que o espectador do presente ten mitificado os noventa minutos de duración estándar e que bufa algo cando as películas exceden este tempo. Pero Angelopoulos non ten en conta estas cousas e prefire utilizar o tempo como un recurso máis do seu dispostivo estético: sería un derroche dispoñer dunhas imaxes tan coidadas, tan pensadas, tan esteticamente elaboradas e logo pasalas a toda velocidade pola pantalla. Porque o director grego coloca ao espectador de Eleni diante dunha lentísima pero moi elaborada sucesión de imaxes de sofisticada factura. A película soporta a proba do avence paso a paso e todos os seus fotogramas gardan harmonía pictórica. En algún sentido son imaxes herdeiras dunha pintura romántica. Noutro sentido, o realizador decide colocar a historia ao servizo da súa capacidade estética que é moita e tiránica. Calquera podería dar en pensar que o cine de Angelopoulos é manierista, excesivo, cheo de requintamentos visuais que non sempre engaden eficacia aos argumentos que escolle. É coma un escribano de caligrafía obsesiva, preciosista, atractiva, pero que complica en ocasións a lectura pola esaxeración dalgunhas das súas letras. Fondo e forma son cousas que poden recibir tratamentos diferentes: o drama intenso, inacabable e conmovedor da protagonista está contado con imaxes de impecable factura, quizais coa mesma perversión con que a lírica se adueña en ocasións das historias máis profundas. Algunha dulcificación hai nese proceso. No que é absolutamente coherente e virtuoso Angelopoulos é na composición das imaxes e no tratamento que a cámara lles dá. O sentido estético do director permite reconverter as ruínas en espazos de harmonía visual. Non se deixa levar pola présa e, por tanto, chega a unha conclusión fundamental: o tempo é tamén un elemento visual, retórico, que o director converte nunha compoñente decisiva e case argumental das súas imaxes. Director: Theo Angelopoulos. Xénero: Drama. Duración: 180 minutos . Nacionalidade: Grecia, Italia, Francia. Estrea: