PUNTA DO MOGARÓN | O |
17 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.POR UNHA VEZ, os homes tomaron a iniciativa cunha acción colectiva e pública en favor das mulleres. Fano cun manifesto en favor da Lei contra a violencia á muller e á familia que encabezan co título Non te pases, home, nin o fagas no meu nome . Trátase de que o apoien coa súa sinatura só homes, e que tamén sexan eles os que o difundan e o lean en público o próximo 25, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O movemento de participación cívica Pola Esquerda é quen abandeira en Galicia a proposta, recollendo sinaturas, facendo campaña no seu favor e coordinando a lectura do manifesto nas aulas, centros de traballo e ate nas prazas públicas, como está previsto que o farán no Obradoiro o alcalde compostelán e o rector. Non sei cantos asinarían. Nin de que ámbitos son. Pero teño para min que faltan moitos, e non porque se lles pasara ou porque non se enteraran. Tampouco se trata de acusalos, alomenos sen probas, de maltratadores, pero non estaría mal que nesa lista só faltaran os que agreden física ou psicoloxicamente á muller. E outros que son amantísimos maridos e pais, pero son violadores, pederastas, ocosadores laborais e empresarios que discriminan á muller polo feito de selo.